Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2024 | Actualizada ás 18:09
A programación previa á gala do 25 de xaneiro dos Premios Feroz traerá este mes de decembro a Pontevedra a Rodrigo Cortés, Javier Macipe, os irmáns Jorge e Alberto Sánchez-Cabezudo e Rodrigo Sorogoyen.
Así o anunciou este mércores o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que tamén informou que este mes se celebrará un ciclo en homenaxe a Jaime Chávarri homenaxeado este ano co Premio Feroz de honra.
Dentro deste tributo ao cineasta madrileño, o día 26 proxectarase 'Las cosas del querer', o 27 'Las bicicletas son para el verano' e o sábado 28 de decembro 'El desencanto'.
A programación comezará o 16 de decembro, ás 19.00 horas, no Pazo da Cultura, coa proxección da película 'La estrella Azul' que continuará co coloquio a cargo do seu director, Javier Macipe e o director de fotografía, Álvaro Medina, que ese mesmo día, ás 16,00 horas, dará unha clase maxistral sobre dirección de fotografía na Facultade de Comunicación.
O 19 de decembro no Teatro Principal proxectaranse dous capítulos de 'Nos vemos en otra vida', unha serie baseada na novela de Manuel Jabois. Unha vez acabada a proxección procederase a un coloquio a cargo dos directores da serie, os irmáns Sánchez-Cabezudo.
O sábado 21, en sesión continua desde as 11:00 ata as 14:00 horas e desde as 16:00 ata as 17:30 horas, no Teatro Principal proxectaranse o cinco primeiros capítulos da serie 'Os anos novos' dirixida por Rodrigo Sorogoyen, que tamén estará presente en Pontevedra para falar sobre este traballo.
Aínda está sen data, por un problema de axenda do director, a presentación da película 'Escape' de Rodrigo Cortés. Para todas estas proxeccións, as invitacións gratuítas repartiranse desde unha semana antes na caseta de Turismo da Praza de España. O alcalde de Pontevedra expresou a súa satisfacción pola boa acollida por parte do público que están a ter as proxeccións previas á gala do 25 de xaneiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.