Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/02/2016 | Actualizada ás 08:00
A escritora e xornalista Tereixa Navaza renunciou a ser unha das homenaxeadas pola Xunta no Día Internacional da Muller en solidariedade “cos compañeir@s da TVE” pola perda de credibilidade deste medio público no que ela traballou.
Nunha misiva remitida á Xunta, e á que tivo acceso GC, Navaza, aínda que recoñece que é un “orgullo” que teñan pensado nela para este premio, dixo que non o acepta pola situación que están a “padecer” os seus compañeiros e compañeiras da TVE e pola propia situación deste medio público. “Atinxira cotas moi altas de credibilidade, bon facer e altas audiencias”, argumenta sobre esta televisión “ e sería pola miña banda unha contradición aceptar o premio”, apunta ao criticar a Lei mordaza do Goberno do PP.
Navaza fora seleccionada, cando outras nove mulleres para ser homenaxeada o Día Internacional do Traballo pola súa traxectoria na área de Comunicación nun acto promovido pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e que se celebrará na Cidade da Cultura. Un evento que ten coma obxectivo render unha homenaxe ás mulleres que teñen realizado un traballo relevante en profesións que realizan, maioritariamente, homes.
Así, con este acto, a Xunta quere destacar o papel realizada por mulleres veteranas e mulleres novas en cinco áreas determinadas; pintura e artes plásticas, ciencia e tecnoloxía, música, deporte e comunicación.
Así, como muller nova na área da comunicación, a Xunta pensou na blogueira de moda María Tilve, que acompañaría a Navaza, como muller veterana. A proposta da Xunta tamén inclúe á pintora Menchu Lamas e á grafiteira Silvia Rodriguez, na área de pintura e artes plásticas.
En Ciencia e tecnoloxía están Guadalupe Perez, primera cirurxana de Galicia, e Tays Ferrer e o seu grupo de investigación por ser as inventoras dun dron transportador de órganos para transplantes. En música a proposta é Maruza Miguéns, primeira gaiteira galega e Marta Fierro, DJ profesional, mentres que no deporte, Margarita Dans, primeira muller en practicar atletismo profesional e Marta Brañas, boxeadora profesional.
Polémica
O pasado ano este evento estivo rodeado da polémica pola actuación do grupo Mucha e Nucha. A deputada socialista Carmen Gallego considerou que a súa actuación era “unha mofa e un insulto" cara ás mulleres. "Non é a primeira vez que se suceden por parte dos gobernos da Xunta este tipo de mofas. É a evidencia clara de que, o PP, a igualdade non a toma en serio", criticaba entón.
Mucha e Nucha, anteriormente coñecidos como Os dous de sempre, é o nome do dúo humorístico formado polos actores de Culleredo Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán. Tamén se chaman "Cantareiras de Ardebullo" ou "Pandereteiras de Ardebullo". Os artistas argumentaron entón que na súa actuación "nin foron nin pretenderon ser protagonistas dun acto no que o realmente importante foi a homenaxe" a unha serie de traballadoras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.