Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 05/12/2024 | Actualizada ás 14:00
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, avanzou que o Executivo galego traballa nun recurso de alzada para pedirlle ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) que esixa responsabilidades pola retirada dos pélets que chegaron aos areais galegos e dos que se fixo cargo a Xunta. Todo iso cando se vai a cumprir un ano, o 8 de decembro de 2023, de que a Dirección Xeral de Recursos Naturais, Seguridade e Servizos Marítimos de Portugal emitise un informe apuntando que o buque 'Toconao' perdera seis colectores, cargados de pélets, fronte ás costas de Viana do Castelo, unha información que se trasladou, ademais da as autoridades portuguesas, á Axencia Europea de Seguridade Marítima e ás autoridades españolas.
Por iso, a conselleira desprazouse este xoves ata a praia de Queiruga, no municipio coruñés de Porto do Son, que foi "o epicentro" da chegada desas bólas. Alí, puxo o foco na xestión da vertedura por parte do Goberno central e remarcou que a Xunta recibiu o "aviso oficial 25 días despois". A partir dese momento, rememorou Vázquez, a Administración autonómica "comezou a traballar" (desde o 3 de xaneiro) ata que activaron o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña por Accidente, 'Plan Camgal', a principios de marzo. O sucedido, engadiu a conselleira, "demostra" que a Xunta "actuou con serenidade" e con "responsabilidade" fronte ao "inmobilismo total e absoluto" do Goberno central e con "gran irresponsabilidade".
"UN GASTO DE 2,4 MILLÓNS DE EUROS"
"Irresponsabilidade que continúa actualmente porque incorremos nun gasto, de 2,4 millóns de euros, que alguén nos ten que pagar e que hai unha responsabilidade por parte do Goberno central. Nun principio contactamos co Ministeiro de Transición Ecolóxica e decidiron pasar a pelota ao de Transportes e Mobilidade, que decidiu que non vai reclamar desde o punto de vista ambiental", incidiu. Ata o momento, a Xunta "segue sen obter ningún tipo de resposta oficial" en relación ao ocorrido, polo que traballa nun recurso de alzada para pedir ao Miteco que actúe xa que "é a súa responsabilidade". Así mesmo, Vázquez asegurou que "negocia extraxudicialmente" cos representantes da navieira, á que reclama o pago dos gastos.
ENDURECEMENTO DA LEXISLACIÓN
Estes feitos, "servíronlle" á Xunta para "saber de primeira man" que ante sucesos deste tipo o Goberno central "non vai estar" á beira das comunidades autónomas. Ademais, lembrou que, a finais deste ano, estarán no Parlamento Europeo para solicitar un "endurecemento" da lexislación para que o transporte marítimo deste tipo de materiais se faga "dunha maneira máis responsable". A preguntas dos medios, a conselleira explicou que "seguen realizando" un control ambiental en colaboración cos concellos e "non hai pélets. "Hai un mínimo de pélets que nada teñen que ver cos do 'Toconao", matizou. Cos pélets recolleitos "esperaron durante un tempo" por se a empresa os reclamaba e, "como non foi o caso", foron levados á planta de Sogama para "a súa valoración".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.