Por GC Emprende | Santiago | 16/02/2016 | Actualizada ás 18:11
A Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, será a sede de Spin 2016, o evento de emprendemento universitario máis importante do mundo Iberoamericano, no que participarán un cento de universidades de España, Portugal e América Latina e no que se distribuirán premios por valor de 100.000 euros.
Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen adiantou que Spin 2016 reunirá no Centro de Emprendemento do Gaiás, do 29 de setembro ao 1 outubro, a 2.000 persoas procedentes de 20 países diferentes, entre estudantes, investigadores, inversores, empresarios e académicos.
Co lema ‘Creando Cultura Empendedora”, Spin ofrecerá un programa con charlas, conferencias, marketplace, obradoiros e seminarios, coa participación de empresarios de referencia internacional e expertos no mundo dos negocios, no ámbito académico, na ciencia e no mundo da cultura. Todos compartirán as súas experiencias e coñecementos cos 2.000 asistentes que se agardan, nunha contorna na que se favorecerá o networking e o partnering entre participantes. A asistencia será de balde previo rexistro.
Un total de 150 proxectos empresariais innovadores e startups recibirán apoio directo neste evento de tres días, destinados á cultura emprendedora, coa participación de 200 empresas, 50 speakers e 12 talleres.
A presentación de Spin 2016 tivo lugar esta martes nun acto no Gaiás no que o conselleiro de Educación estivo acompañado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; os reitores galegos, Juan Viaño Rey (Santiago), Salustiano Mato (Vigo) e Julio Abalde (A Coruña); polo pró-reitor para Inovação e Empreendedorismo da Universidade do Porto, Carlos Brito, polo director de Santander Universidades España, Pedro Alonso Gil, e polo presidente da RedEmprendia, Senén Barro.
Román Rodríguez celebrou a implicación das tres universidades galegas e da “universidade irmán” de Porto. Ademais, destacou a experiencia e capacidade da RedEmprendia, responsable das dúas edicións anteriores de Spin, en México e Madrid, e o apoio do Banco Santander.
“Os universitarios formados nos campus deben ser a base do modelo produtivo do futuro. Sabemos que este futuro pasa pola competitividade e, polo tanto, pola innovación. Sabemos tamén que emprender e innovar son sinónimos porque emprender é ter a capacidade de xerar ideas, de tomar a iniciativa, de valorar riscos, de xestionar problemas, en definitiva, ter a capacidade de producir emprego e riqueza”, dxo o conselleiro de Cultura e Educación.
Transferencia de coñecemento
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria salientou que o evento “converterá a Santiago na capital iberoamericana do emprendemento innovador”. Tamén destacou a transferencia de coñecemento entre a universidade e o mercado como unha ponte cara o emprego de calidade, e subliñou a aposta da Xunta por consolidar esa innovación aberta que una a investigadores e empresas, a través de programas como o Innterconecta, o Conecta Pemes ou as Unidades Mixtas de Investigación.
Conde defendeu a necesidade de aproveitar as ideas que xeran as universidades “para poñer a economía galega á vangarda de Europa, fixando o tecido industrial máis innovador e o mellor talento ao noso territorio, xerando emprego moi cualificado”. Puxo como exemplo dese camiño a empresas galegas recoñecidas que naceron das tres universidades, como Nanogap, Imatia ou Torusware.
“Por iso”, resaltou, “é polo que estamos a volcar a nosa capacidade investidora tras a Estratexia de Especialización Intelixente, que ten a transferencia de coñecemento como bandeira”, que conseguiu activar 220 millóns en investimentos en 2015 e ten como obxectivo para este ano sumar proxectos innovadores por outros 250 millóns de euros.
Foro de inversores
Para os emprendedores que aínda non teñen dado o salto ao mercado, Spin 2016 ofrecerá o programa ‘Model2Market’ dirixido a fortalecer modelos de negocio nacidos na universidade. Por outra banda, Spin contará co ‘SmartMoney4Stars’, foro de inversión e oportunidades para acelerar spin-offs e startups universitarias ao que acudirán os principios inversores e foros de capital risco e business angels de América Latina.
As industrias culturais e creativas terán un protagonismo especial na edición de Spin deste ano, como mostra do compromiso da Xunta de Galicia e do resto de organizadores coa chamada “economía laranxa”, que supón un importante fonte de emprego e crecemento en España e América Latina.
Terceira edición
Spin é un evento internacional que continúa a medrar e a consolidarse. Nas dúas edicións anteriores sumou 1.300 asistentes de 16 países, máis de 70 entidades colaboradoras públicas e privadas e repartiu máis de 160.000 euros en premios, sempre dirixidos a impulsar ideas, modelos de negocio e proxectos emprendedores.
O emprendemento é unha das tres liñas de traballo da Cidade da Cultura, xunto á cultura e a tecnoloxía. A través do Centro de Emprendemento, máis de douscentos emprendedores están a impulsar no Gaiás proxectos innovadores no seus espazos de coworking, no viveiro de empresas ou no crowdworking que xestiona xunto a Amtega e Telefónica.
RedEmprendia é unha rede universitaria que desenvolve programas internacionais para impulsar a creación, crecemento e consolidación de empresas baseadas no talento e no coñecemento xerado na universidade. Actualmente está integrada por 28 universidades e conta co Banco Santander como aliado estratéxico. A través de Santander Universidades, o Banco Santander desenvolve proxectos no ámbito universitario, con 1.200 acordos con universidades e institucións académicas de todo o mundo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.