(Vídeo) A aldea de Nadal que ensina aos nenos xogos tradicionais e artesanía en madeira está en Cambados

As aldeas de Nadal popularizáronse tanto nos últimos anos que cada vila galega que as ten entre a súa decoración festiva inclúe algunha característica diferencial das demais. Hoxe o GC visita a de Cambados.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 13/12/2024 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

As chamadas aldeas de Nadal popularizáronse enormemente en Galicia duns anos cara esta parte. Trátase de pequenas casiñas de madeira que compoñen todo un poboado de xogos para os máis pequenos da casa, e o 'photocall' perfecto para os máis maiores. Sen embargo, debido a que as hai en moitos lugares, cada vila galega busca engadirlles algo especial que diferencie a súa aldea das do resto. En concreto, hoxe o Galicia Confidencial visita a de Cambados, que inclúe varias pezas de madeira feitas a man por artesáns locais, unha gran fonte central e un espazo de xogos tradicionais, ademais dunha recreación da Torre de San Sadurniño, Ben de Interese Cultural e emblema do concello.

Aldea de Nadal en Cambados
Aldea de Nadal en Cambados | Fonte: GC

Sen dúbida, o primeiro que chama a atención do visitante ao chegar a esta aldea de Nadal, ubicada na praza do Concello (aínda que inicialmente estaba prevista colocala en Fefiñáns), é a súa gran fonte central, rodeada de vexetación e un alumeado que fai que a persoa poida pasar longo tempo admirando esta creación que transmite unha sensación de paz e tranquilidade, co son da auga correndo. A fermosura desta fonte é tal que moitos veciños xa pediron que a deixen durante todo o ano, pois aporta un toque distintivo e máxico á praza. Ademais, de cara a esta época tamén contén diversas flores de Pascua, que se di que atraen a sorte e a prosperidade para o resto do ano.

No tocante ás casiñas de madeira como tal, hai que dicir que cada unha goza dunha decoración diferente e particular, con diferentes deseños, cores e formas. Todas resultan bastante espaciosas no seu interior como para que poidan xogar os nenos sen estar abafados, aínda que carecen de mobles. Xunto a elas aparecen diferentes figuras, como bonecos de neve, renos e mesmo varios gnomos cuxos ollos tapa o seu sombreiro, que virían a ser a representación escandinava de Santa Claus e que cada ano que pasa acadan maior popularidade tamén en Galicia.

Tamén cómpre facer mención especial ás diferentes figuriñas talladas en madeira por artesáns: dende un tren con todos os seus vagóns, pasando por unha cabaniña, unha avioneta e ata un coche antigo coa matrícula de Pontevedra incorporada como guinda. Todas estas construcións non son meros adornos, senón que tamén compoñen o espazo de xogos dos nenos, ao que habería que sumar unha parte adicada en exclusiva a xogos tradicionais. A finalidade é que os máis pequenos da casa aprendan como xogaban os seus pais e avós e vexan que hai outras maneiras de divertirse máis aló dos móbiles e as consolas.

Finalmente, a xeito de maior personalización do espazo, a aldea de Nadal atópase 'coroada' por unha recreación das ruínas da Torre de San Sadurniño, os restos dunha torre construída a finais do século XV ou comezos do XVI como residencia dos descendentes de Sueiro Gomes de Soutomaior, señor da vila e do porto de San Tomé na súa época. Esta torre é un emblema turístico de Cambados e foi declarada Ben de Interese Cultural. Os Sueiro Gómez de Soutomaior eran familia de Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido como 'Pedro Madruga', que, segundo a teoría do Colón galego, sería nada máis nin nada menos que o mesmísimo 'descubridor' de América.

Aldea de Nadal en Cambados
Aldea de Nadal en Cambados | Fonte: GC

Aldea de Nadal en Cambados
Aldea de Nadal en Cambados | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta