Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2024 | Actualizada ás 15:17
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, expresou o seu escepticismo ante a Conferencia de Pesidentes que terá lugar este venres en Santander ao considerar que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non defenderá os intereses de Galicia por "actuar de vicepresidente" do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo. Nun comunicado, Besteiro sostivo que este encontro será outra oportunidade perdida para Galicia, que "sufrirá unha vez máis a subordinación de Alfonso Rueda ás directrices de Xénova e aos intereses do PP". "Rueda non actúa como presidente da Xunta, senón como vicepresidente de Feijóo, atendendo só ás razóns que lle pon enriba da mesa en Xénova, sen considerar os verdadeiros intereses de Galicia", sostivo.
Besteiro cuestionou a capacidade de Rueda para defender Galicia en áreas crave como a sanidade e a vivenda. Resulta sorprendente que o PP e Alfonso Rueda se declaren abertamente incompetentes en materias nas que Galicia posúe competencias exclusivas. "Que está a facer a Xunta en vivenda e sanidade? É evidente que non existe un proxecto claro nin unha xestión eficaz", afirmou Besteiro, que criticou a "falta de valentía de Rueda á hora de defender un modelo de financiamento que recoñeza a singularidade de Galicia".
Besteiro asegurou non entender cal é o problema en manter un contacto bilateral co Goberno central para expor as necesidades específicas do territorio galego. "Galicia merece ser tratada como o que é: un país cunhas condicións propias que deben ser tidas en conta", explicou. O secretario xeral do PSdeG foi especialmente crítico coa postura do PP sobre a condonación da débeda galega. "É incomprensible que Rueda e o PP se opoñan a unha medida que permitiría investir en áreas prioritarias como a vivenda e a sanidade. Non hai quen entenda que sexa malo para Galicia condonar parte da súa débeda, sobre todo, cando outras comunidades están a aproveitar esta oportunidade", manifestou.
Por último, denunciou a falta de compromiso de Rueda cos intereses galegos. "Galicia necesita un goberno que poña por diante as necesidades do seu pobo, sen ataduras nin estratexias partidistas ditadas desde Madrid", trasladou para soster que "mentres outras comunidades negocian e logran melloras, Rueda prefire obedecer as ordes de Feijóo antes que mirar polo futuro dos galegos e galegas". "Desde o Partido Socialista reclamamos firmeza, valentía e un compromiso real co noso país", apuntou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.