Xeadas en boa parte de Galicia con Calvos de Randín marcando a mínima, -6,6º

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2024 | Actualizada ás 10:32

Comparte esta noticia

O concello ourensán de Calvos de Randín rexistrou a temperatura máis baixa de Galicia nas últimas horas deste mércores, con 6,6 graos negativos ás 9.10 dunha mañá na que a metade do territorio galego amenceu con xeadas. Segundo os datos de Meteogalicia, o frío chegou con maior forza á provincia de Ourense. Tras a mínima de Calvos, Cabeza de Manzaneda rexistrou -5,2 graos ás 7.30 horas e en Baltar rexistráronse -5,2 ás 9.10 horas.

Tamén houbo valores por baixo dos 3 graos negativos, por exemplo, na Veiga (-4,9), Viana do Bolo (-4,3) e Baños de Molgas (-3,8). Fóra de Ourense, houbo xeadas na metade sur da provincia de Lugo, cunha mínima de -3,4 graos ás 6.20 horas en Pedrafita do Cebreiro; e en zonas do interior da de Pontevedra, cunha mínima de -4 en Lalín ás 8.50 da mañá.

PREDICIÓN PARA A XORNADA

Galicia seguirá este mércores baixo a influencia das altas presións situadas nas illas británicas e as borrascas que se achegan polo sur peninsular, con circulación do vento do nordés e aire frío.

Así, tras unha mañá con bancos de néboa e nubes baixas máis persistentes nas provincias de Lugo e Ourense, a partir do mediodía os ceos de toda a Comunidade quedarán parcialmente cubertos.

En canto ás precipitacións, comezan pola mañá no norte, para logo estenderse ao leste de Lugo e Ourense. De feito, serán en forma de neve ao redor dos 900 metros de altitude. No tocante ás temperaturas, seguirán sen cambios con respecto a días anteriores. Por cidades, as máximas oscilarán entre os 9 graos de Lugo e os 15 de Vigo.

Varias vacas nun campo cuberto de neve na Fonsagrada
Varias vacas nun campo cuberto de neve na Fonsagrada | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta