Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2024 | Actualizada ás 13:54
O BNG e o PSdeG esperan que o xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda, se comporte coma un "portavoz" dos intereses do líder do seu partido, Alberto Núñez Feijóo, na Conferencia de Presidentes deste venres, á que, segundo o PP, o mandatario autonómico acudirá a "defender" os intereses de Galicia. A preguntas dos medios este mércores nas roldas de prensa posteriores á xunta de portavoces do Parlamento galego referíronse ao encontro de mandatarios autonómicos co Goberno deste venres en Santander.
Tanto para a deputada nacionalista Olalla Rodil como para a parlamentaria socialista Elena Espinosa, Rueda debería convocar á oposición para acordar unha postura común que defender na Conferencia de Presidentes. Sobre isto, o portavoz do PP galego na Cámara, Alberto Pazos Couñago, ironizou con que o "argumentario" da oposición é "tremendamente novo" e asegurou que Rueda "conseguiu grazas á súa insistencia" que no encontro deste venres "tamén se fale" de asuntos como a acollida de migrantes ou a situación da sanidade, ademais de vivenda.
En palabras de Olalla Rodil, Rueda acode á reunión a "cumprir as ordes" do PP porque "renunciou hai tempo a defender os intereses" de Galicia en temas como o financiamento, que, para os nacionalistas, "debería pasar por un acordo bilateral co Estado". Pola súa banda, Elena Espinosa (PSdeG) tamén manifestou o seu excepticismo sobre o papel que xogará Rueda este venres, pois os socialistas auguran que exercerá "de portavoz" de Feijóo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.