Cultura, lecer e tradición nun amplo programa de Nadal en Verín

A concellería de Cultura presenta unha programación con máis de 30 actividades para todos os públicos.

Por Galicia Confidencial | Verín | 14/12/2024 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O Nadal preséntase para o Concello de Verín cunha chea de actividade, incluíndo dende eventos culturais ata iniciativas solidarias e de dinamización comercial.

Feira de Nadal en Verín (arquivo). Foto: Concello de Verín.
Feira de Nadal en Verín (arquivo). Foto: Concello de Verín.

No que se refire a cultura e tradición, o programa inclúe propostas de gran relevancia, como o Concerto de Nadal do Conservatorio Profesional de Música de Verín (20 de decembro) e o esperado Teatro “O Auto de Castromil” (15 de decembro). Ademais, os amantes da arte poderán gozar da exposición "Pintura e Tinta" de Pedro Castro, aberta ata o 7 de xaneiro.

No ámbito relixioso, destaca a celebración da Festividade da Virxe María Inmaculada (8 de decembro), o emblemático Belén da Viruca, que estará aberto ata o 6 de xaneiro, e a tradicional misa do galo (24 de decembro).

LECER PARA TODOS OS PÚBLICOS

Os máis pequenos serán os protagonistas do LudoNadal, un espazo de lecer infantil que estará en funcionamento dende o 23 de decembro ata o 7 de xaneiro. Tamén poderán gozar de espectáculos familiares como “O Apalpador e a Nena sen Medo” (20 de decembro), a Gala de Nadal de AEVER (2 de xaneiro), ou os Bolechas (3 de xaneiro).

A Gran Cabalgata dos Reis Magos será o 5 de xaneiro, un evento que percorrerá as principais rúas de Verín cun despregue de cor e música.

O programa tamén destaca pola riqueza musical e humorística con espectáculos como o Concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre (21 de decembro) e o provocador monólogo de Leo Bassi “Yo, Mussolini” (14 de decembro). Entradas dispoñibels en ataquilla.com. Ademais, todas as fins de semana haberá cinema comercial na Casa da Cultura.

Outro punto de encontro imprescindible será a Feira de Nadal (do 6 ao 8 de decembro) que ofrecerá obradoiros temáticos, actuacións musicais e unha máxica visita de Papá Noel. Ademais, os interesados na artesanía poderán participar no Obradoiro de Coroas Florais (15 de decembro), unha iniciativa que combina creatividade e apoio ao comercio local.

LUDOTECA DE NADAL

O Concello de Verín, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil, ofrece ademais a proposta "Ludonadal", a ludoteca de Nadal dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos. Esta iniciativa, enmarcada na Área de Benestar Social, busca facilitar a conciliación familiar durante as vacacións de Nadal, proporcionando ás familias un servizo de lecer educativo e divertido mentres traballan, realizan compras ou outras xestións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta