O turismo deportivo consolídase como un sector profesional con futuro en Galicia

Expourense pechou este pasado venres, 13 de decembro, as portas da 7ª edición do evento Sportur Galicia e a 5ª do Congreso Internacional de Turismo e Deporte. A cidade de Pontevedra foi citada en diferentes charlas como exemplo de 'cidade activa'.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 14/12/2024 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

O peche de Sportur Galicia e da quinta do Congreso Internacional de Turismo e Deporte confirma a consolidación do deporte e das actividades relacionadas coa natureza como motivación turística para elixir Galicia e, polo outro, posicionar ao turismo deportivo como un sector profesional con futuro. As dúas citas reuniron ao redor de 4.000 visitas en Expourense.

Un momento de Sportur. Foto: Prensa Expourense.
Un momento de Sportur. Foto: Prensa Expourense.

A última xornada do Congreso Internacional de Turismo e Deporte estivo centrada no turismo activo urbano a través de conferencias e mesas redondas que analizaron as claves para construír unha “cidade activa” que serían aquelas nas que se lle dá unha prioridade real á saúde e nas que se crean oportunidades para que os habitantes poidan ser fisicamente activos na súa vida cotiá. A cidade de Pontevedra foi unha das citadas en varias ocasións como caso de éxito de cidade activa. Este congreso foi seguido por 400 asistentes, tanto de xeito presencial dende Expourense, como de xeito virtual dende distintos puntos de España e Portugal.

A cidade de Pontevedra foi citada en varias ocasións como caso de éxito de cidade activa

Sportur Galicia foi o escenario elixido por 47 entidades entre as que destacaban unha trintena de federacións deportivas que convocaron en Expourense aos seus deportistas e organizaron adestramentos, competicións ou exhibicións de deportes como: o atletismo, a o wu-shu, a esgrima antiga, o badminton, halteroflia, hockey, patinaxe, xadrez, cachibol, etc. As visitas tamén pudieron realizar controis de azucre no sangue ou realizar un estudo antropométrico. Relacionado coa formación, pudieron coñecer as distintas opcións vencelladas ao turismo e ao deporte que ofrece a Formación Profesional en Galicia e tamén a que ofrecen as Forzas Armadas españolas.

Na derradeira xornada de Sportur celebrouse unha nova xornada do “Xogando ao Atletismo” promovido pola Secretaría Xeral para o Deporte coa colaboración de Expourense. Participaron nesta xornada máis de 300 escolares de Secundaria de centros educativos da cidade de Ourense. Tamén foi o día da realización da “foto de familia” do Clube Atletismo Ourense. E tamén no remate deste encontro co deporte foi impartida unha charla maxistral a cargo do consultor Fernando Salinero, conferencia que estivo especialmente dirixida aos directivos dos clubes deportivos da provincia de Ourense e á que asistiron representantes de medio cento de asociación ourensás.

Sportur Galicia e o Congreso de Turismo Deportivo estiveron organizados por Expourense co apoio Secretaría Xeral para o Deporte e da Deputación Provincial de Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta