Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2024 | Actualizada ás 11:33
A Estación de Montaña de Manzaneda abrirá este fin de semana unha das súas pistas de esquí, despois de rexistrarse as primeiras neves da tempada invernal. Nun comunicado, a organización que xestiona a estación informou de que grazas ás nevadas dos últimos días e á baixada das temperaturas, os canóns puideron traballar durante parte da semana, unha vez se deron as condicións necesarias (só funcionan por baixo dos -2,5 graos).
Así, este fin de semana manterase aberta a pista Xeixo, a única que se pode garantir por agora. Ademais, animaron ás familias a que acudan a Manzaneda a gozar da neve. "Se o ano pasado a apertura das primeiras pistas adiantouse case un mes con relación aos anteriores (a partir do 6 de xaneiro), nesta ocasión nin sequera haberá que esperar ao novo ano, cun adianto de practicamente outro mes, aínda que cunha apertura para a práctica do esquí limitada a unha soa pista", engadiron.
En calquera caso, o parte definitivo de neve non se coñecerá ata primeira hora do sábado, despois dunha nova noite de traballo cos canóns, polo que non será ata entón cando se coñeza o alcance real da apertura para a práctica do esquí.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.