Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2024 | Actualizada ás 15:14
O pleno da Comisión Galega de Protección Civil informou favorablemente da revisión do Plan especial de protección civil ante o risco de terremotos en Galicia (Sismigal). O documento actualiza o aprobado en 2009 para adaptalo á nova normativa e á estrutura dos plans autonómicos. Para a súa entrada en vigor, o plan ten que enviarse ao Consello Nacional de Protección Civil e logo aprobarse por parte do Consello da Xunta.
Nun comunicado, a Xunta informou de que o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu este martes o pleno da Comisión Galega de Protección Civil. O Sismigal comprende un conxunto de normas que constitúen o sistema e dispositivo de resposta e actuación fronte a calquera situación de emerxencia provocada por terremotos. Deste xeito, establece a organización e procedementos de actuación dos recursos e servizos cuxa titularidade lle corresponda á comunidade, e os que poden ser asignados por outras administracións ou pertencentes a actividades públicas ou privadas.
O obxectivo é coñecer o risco sísmico no ámbito territorial de Galicia e aumentar a resiliencia da poboación afectada. Nesta liña, establécense as actuacións que permitan dispor de medios de evacuación, de lugares de aloxamento para persoas evacuadas, de medios de asistencia sanitaria e de mecanismos de restauración das vías de comunicación afectadas. Ademais, tal e como detallou o Executivo autonómico, engádese ademais a definición de vías alternativas de comunicación, o mantemento e restablecemento dos servizos básicos, como auga, luz, teléfono ou alimentación, a redución das perturbacións da vida cotiá e a información á poboación.
O documento inclúe a análise do risco con información territorial, caracterización do perigo e da vulnerabilidade sísmica por zonas, a estrutura e organización dos órganos de dirección e coordinación de emerxencias, e a operatividade, cos procedementos que deben desenvolver os diferentes servizos, centros e organismos involucrados. Unha vez entre en vigor, iniciarase o proceso de implantación coa distribución do documento a organismos implicados e concellos con risco de terremoto, así como co desenvolvemento de campañas informativas sobre medidas de protección entre a poboación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.