Por Galicia Confidencial | Allariz | 20/12/2024 | Actualizada ás 10:29
O Nadal chega a Allariz cargado de ilusión e cunha ampla programación para desfrutar en comunidade. Do 20 de decembro ao 5 de xaneiro, o Concello de Allariz convida a todo o mundo a vivir estas datas dun xeito único, cunha oferta que combina cultura, tradición, creatividade e entretemento para todas as idades.
E como cada ano, imprescindible visitar as 12 decoracións temáticas que ano a ano se superan dándolle a Allariz un ambiente diferente, con creacións moi orixinais e sostibles.
Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, destaca o compromiso do Concello por ofrecer unha programación diversa, accesible e enriquecedora. En palabras da rexedora municipal: "Queremos que cada persoa atope o seu momento especial, sexa a través da música, do teatro, do deporte ou simplemente desfrutando da maxia do Nadal nas nosas rúas”.
PROGAMACIÓN
O 20 de decembro haberá un Concerto da Escola da Banda Unión Musical de Allariz ás 20:00 h. na Casa da Cultura e o 21 no mesmo lugar un espectáculo de teatro infantilás 18:30 h.
Do 26 ao 30 o Nadal Parc estará no pavillón do IES para divertimento da cativada con hinchables e xogos variados, en horarios de 11:30 a 13:30 h. de mañá e de 16:00 a 20:00 de tarde. Neste mesmo espazo haberá obradoiros creativos de Nadal os días 27 e 30 de 11:30 a 13:30 h.
O teatro infantil volve, da man de Vero Rilo, á Casa da Cultura o 2 de xaneiro ás 18:30 h. co seu espectáculo 'Cacho animado'.
No que respecta ao deporte haberá "A derradeira en piragüa" o 31 de decembro ás 10:00 e a Carreira Popular Solidaria 'a derradeira' con saída dende a Praza Maior o 31 de decembro a partir das 16:00 h.
A Cabalgata de Reis será o 5 de xaneiro co percorrido que irá da Alameda ao Pavillón do IES sendo a sáida ás 18:30 h.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.