Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2024 | Actualizada ás 17:12
O BNG reclamou á Xunta que paralice a creación dun Grao de Dereito na Universidade Intercontinental da Empresa, promovida por Afundación, obra social da compañía financeira Abanca.
Nun comunicado emitido este venres, o deputado nacionalista Daniel Castro censura a luz verde outorgada polo Consello Galego de Universidades ao comezo de tramitación deste novo grao na universidade privada galega. Avanza que presentarán unha batería de iniciativas para instar o Goberno autonómico a non autorizar este grao que "xa se imparte" no sistema universitario galego, como xa ocorreu co de Psicoloxía creado nos últimos meses.
Os nacionalistas consideran que a súa autorización "volvería contradicir" a normativa que obriga a evitar "duplicidades" entre universidade pública e privada. "Neste caso estamos a falar dun grao que se imparte no tres universidades galegas, polo que a duplicidade é máis que obvia", remarcou Castro.
OPOSICIÓN DAS UNIVERSIDADES
O pasado xoves, as xuntas de Centro das Facultades de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo expresaron de forma conxunta o seu rexeitamento á implantación, por parte da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) dun novo grao en Dereito, ao consideralo reiterativo e puxeron en dúbida que se poida asegurar a calidade da formación necesaria.
Así, as facultades galegas coñeceron hai uns días, no Consello Galego de Universidades, que a Secretaría Xeral de Universidades da Xunta deu o visto e prace ao comezo da tramitación deste novo grao, por parte desta universidade privada, promovida desde Afundación, e trasladaron a súa "preocupación" pola posibilidade de que se implante o novo grao.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.