Por Galicia Confidencial | A Coruña | 28/02/2016 | Actualizada ás 00:00
O Bloque Nacionalista Galego celebra este domingo a súa XV Asemblea Nacional, unha xuntanza que, despois da ruptura de Amio, en 2012, afronta unha nova ruptura e unha “nova refundación” que pivotará a Unión do Povo Galego (UPG), a formación maioritaria que controlará, definitivamente, a organización.
A lista oficial está precisamente integrada por numerosos cargos deste partido, incluída a Portavocía Nacional, á que aspira Ana Belén Pontón. Xunto a UPG tamén hai outros postos para o Movemento Galego ao Socialistmo (MGS), un grupo que, a súa vez, se escindiu da UPG. Estes son os únicos partidos que quedan no Bloque logo da espantada de Amio.
A lista oficial aposta por "re-conectar" co electorado perdido e procurar un "consenso" entre as distintas posturas que evite novas escisións. Sen embargo, e tal e como xa apuntou en GC Carlos Aymerich, o líder do colectivo Abrente, iso será difícil, porque é probable que despois desa asemblea haxa novas baixas da organización, aínda que moito menores que en 2012.
A esta asemblea están chamados algo menos de 3.000 militantes que debaterán aspectos craves para o futuro da organización, tales como as políticas de pactos electorais e mesmo a propia marca. Precisamente, a política de pactos é o que ten enfrontado a distintos sectores dentro do Bloque. O oficial está radicalmente en contra de pactar con En Marea, mentres que tanto Abrente, como outro sector vinculado o aínda portavoz nacional, Xavier Vence, está a favor.
Dous grupos enfrontados
Unhas diferencias que se medirán na propia asemblea, onde hai varias enmendas destes grupos nos que piden, realmente, un cambio de rumbo ao BNG. De feito, Aymerich apuntaba nesa entrevista que non ten sentido “refundar” o BNG porque o frentismo “xa está pasado”, senón traballar para unha candidatura unitaria nacionalista de esquerda. Ademais, criticaba duramente á UPG por non querer asumir responsabilidades polos seus fracasos electorais.
A esta asemblea chégase, ademais, tras continuos fracasos electorais que comezaron nas autonómicas do 2012. Logo os malos resultados se repetiron nos comicios europeos do 2014, nas municipais de maio pasado, e, finalmente, nas xerais do pasado 20 de decembro, cando o BNG quedou sen representación no Congreso dos Deputados por primeira vez desde o ano 1996.
"Imos repensar todo menos que somos nacionalistas", dixo esta semana Ana Pontón nunha clara mensaxe aos que queren pactos con outras forzas e deixando claro que o Bloque continuará en solitario. A súa candidatura inclúe nomes relevantes xa do nacionalismo e integrantes do Consello Nacional actual como Goretti Sanmartín, Néstor Rego, Bieito Lobeira ou o actual portavoz parlamentario do Bloque, Francisco Jorquera.
Queda fóra, en troques, o sector crítico, entre eles, as parlamentarias autonómicas Carme Adán e Tereixa Paz, a eurodeputada Ana Miranda, o aínda portavoz nacional Xavier Vence, ou Alba Nogueira. Nin este sector, nin o de Aymerich presentará unha lista alternativa que si presentará un edil do BNG en Boiro, Carlos Branco Ansoar. Con todo, a súa lista está chamada a un papel anecdótico, xa que o propio Carlos Branco admitiu que só buscan "dar pluralidade" ao proceso.
Críticas a Bautista Álvarez
A esta asemblea tamén se chega cunha nova fronte aberta, curiosamente, dentro da propia UPG, tras a decisión de vetar varios artigos de quen foi un dos fundadores e líderes deste partido, Bautista Álvarez. “Se este é ou partido que eu fixen, que veña ou demo e me leve”, criticou o veterano político nunha misiva que remitiu a varias asembleas comarcais nas que denunciou que estaba sendo censurado ao non querer a UPG publicar tres artigos seus. Por iso, anunciou que xa presentou a súa renuncia á presidencia da fundación que leva o seu nome.
Estes artigos van na liña do que se publicou despois do 20D, nos que Álvarez cargou contra a campaña, o cambio de siglas e mesmo contra os candidatos. De feito, por algún destes artigos foi cualificado de “homófobo”.
“Non estou disposto a tolerar acusacións de homofobia, de ser un retrógrado e de misoxinia por censurar que unha candidata salga nos mitins exhibindo na camisa os atributos xenitais”, dixo. E continúa, “iso é propio dunha rameira e non de muller honrada, como estou seguro que será a miña censurada”.
A propia UPG tivo que remitir un escrito no que aclara que se lle solicitou a Bautista Álvarez que retirara eses comentarios ofensivos, e manter o resto do artigo, e que, ao non facelo, decidiron non publicalos no voceiro Terra e Tempo.
Por outra banda, ex candidatos de Nós-Candidatura Galega, tamén expresaron o seu rexeitamento aos artigos de Bautista Álvarez. “Esta persoa está profundamente equivocada nas expresións das súas análises, contrarias ás ideas do seu partido e da nosa organización, pasando límites que colectivamente non toleramos”, escribiu Noa Presas. “Polo tanto, deciden non publicar. Para min, o contrario sería intolerábel, covarde e cómplice coa violencia patriarcal. E quen concorde, non ten cabida onde estamos outras”, engade nun artigo que difundiu nas redes sociais.
Tamén Carlos Callón escribiu na súa conta de Twitter que “hai tempo que os artigos de Bautista Álvarez son antipáticos e puritanos. Esta vez son repugnantes”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.