Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/12/2024 | Actualizada ás 12:24
A Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela expediu ao longo deste 2024 case medio millón de compostelas, unha cifra inédita nos rexistros de peregrinos chegados ata o sepulcro do Apóstolo e que supón que as cifras o Camiño continúan á alza, con ao redor dun 12 % máis de usuarios que o ano anterior. Os datos non teñen parangón nas estatísticas da Oficina, mesmo nos inmediatamente anteriores a pandemia. Así, o dato máis próximo é o de 2023, cando o Camiño se pechou con algo máis de 446.000 peregrinos, mentres que en 2022, segundo ano do Bienio Santo, foron algo máis de 438.000.
Se nos remontamos aos anteriores anos santos composteláns, en 2010 chegaron a Santiago 272.835 peregrinos e en 2004 recolleron o seu compostela 179.870. A cifra, ademais, é, segundo consideran os versados na materia, só a punta do iceberg. Neste sentido, os expertos cren que só un terzo dos peregrinos que chegan a Santiago collen a súa 'compostela', ben porque non cumpriron cos requisitos mínimos, ben porque non teñen motivación relixiosa ou porque xa fixeron moitas veces a ruta. Segundo estes cálculos, a cifra de peregrinos real roldaría o millón e medio de persoas.
MÁIS ESTRANXEIROS
Ademais da cifra global en positivo, os chegados este ano á Catedral son máis estranxeiros que españois, unha tendencia que se consolida desde 2011. En concreto en 2024 chegaron un 42 % de peregrinos nacionais fronte ao 58 % de máis alá das nosas fronteiras. Coa excepción dos anos afectados pola pandemia e as restricións de mobilidade, esta é unha tendencia que se reproduce desde 2011.
Por nacionalidades, os máis habituais volveron a ser, como en 2023, os peregrinos de Estados Unidos, que desbancan de novo ás nacionalidades europeas. A continuación, ao longo de 2024 chegaron peregrinos de Italia, Alemaña, Portugal, Reino Unido, Francia, México, Corea e Irlanda, así ata a práctica totalidade das nacionalidades do planeta. No ámbito español, os peregrinos que máis camiñaron á Catedral foron os de Andalucía (23 %), Madrid (17 %) e Valencia (12 %).
O CAMIÑO FRANCÉS SEGUE SENDO O PREFERIDO
O Camiño Francés segue sendo, un ano máis, o preferido polos peregrinos. De feito, percórreo case a metade dos que realizan a ruta. Sarria é, ademais, o punto de partida de case o 32 % de todos os peregrinos que recollen a súa 'compostela'. Tras o francés, triunfan as vías portuguesas, tanto a interior (con máis do 19 % dos camiñantes) como a da costa (que elixen sobre o 13 %). Por detrás, con algo máis do 5 % do total, está o Camiño Inglés.
En canto ao momento de partida máis frecuente é, por esta orde, dúas localidades dentro de Galicia e dúas fose das fronteiras españolas. En concreto, ademais de Sarria, as estatísticas da Oficina do Peregrino sitúan a Tui como a segunda orixe máis frecuente (case o 8 %), seguido de Saint Jean Pied de Port, en Francia, e O Porto, en Portugal. Máis do 93 % dos peregrinos seguen optando pola vía a pé e a maior parte (case o 80 %) teñen entre 18 e 65 anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.