O mal tempo obriga a adiantar algunhas Cabalgatas de Reis ao sábado mentres outras serán o domingo con cambios

Suspéndese a que organizan Tui e Valença, aínda que se mantén a recepción como noutras localidades.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2025 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

As Cabalgatas de Reis celebraranse parte delas o día 5 a pesar das condicións meteorolóxicas previstas de choiva e vento, aínda que rexistrarán, por esta circunstancia, algúns cambios segundo os municipios. Nalgúns optouse por suspendelas, como a cabalgata internacional de Tui-Valença, aínda que se mantén a recepción oficial en ambas as localidades. No Teatro Municipal de Tui será de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Noutros casos adiántanse a cabalgata ao día 4 ou mantéñense pero cambiando algo percorridos ou facéndoa estática.

Así, a da Coruña manterase o día 5, igual que as de Ourense e Ferrol, pero haberá unha lixeira variación no percorrido inicial: saída desde a rolda Camilo José Cela e chegada a María Pita pero cunha modificación xa que en lugar de ir pola rúa Ramón e Cajal farao pola avenida Fernández Latorre. Todo para evitar os puntos máis expostos ao vento. En Vigo, será, finalmente estática e no Instituto Feiral (Ifevi), en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. Será a xente a que percorra os pavillóns para velos aínda que haberá animación e grupos que se moverán pola instalación.En Santiago, pola previsión do tempo, optaron por adiantala ao día 4, en lugar de facela o 5, como estaba previsto. O percorrido será o mesmo, ás 17.30 horas desde a praza de Nosa Señora da Mercé de Conxo e continuará o seu percorrido ata chegar á praza do Obradoiro, con posterior recepción no Pazo de Raxoi.

Os Reis Meigos saúdan aos nenos e nenas
Os Reis Meigos saúdan aos nenos e nenas | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

OUTROS MUNICIPIOS

Noutros municipios como A Cañiza, Nigrán ou Oia e en Paderne adiantarase tamén ao sábado mentres que en Caldas será este venres con animacións, novo percorrido e renovación por completo da iluminación. Tamén se adianta ao sábado en Cangas ou en Verín mentres que no municipio coruñés de Culleredo garanten a recepción e deixan a cabalgata a expensas da evolución das precipitacións. Noutro municipio coruñés, Betanzos, mantense e, de non ser posible, farase recepción no Liceo e en Narón decidirase o mesmo domingo.

Á súa vez, en Marín cancelouse a Cabalgata do domingo e haberá, no seu lugar, dúas recepcións reais, unha ás 18.00 horas no concello, e outra a partir das 19.30 horas no Templo Novo. En Lousame haberá recepción pola mañá o mesmo día de Reis e festival pola tarde. En Lugo, o programa polos Reis Meigos manterase con choiva moderada e só se é moi intensa se suspenderá para trasladarse ao concello e que poidan recibir aos máis pequenos, unha medida que se decidirá no mesmo día.

En Lugo, o programa polos Reis Meigos manterase con choiva moderada e só se é moi intensa se suspenderá  a cabalgata para trasladarse ao concello e que poidan recibir aos máis pequenos, unha medida que se decidirá no mesmo día. En Pontevedra, este domingo terá lugar a Recepción na Casa Consistorial a Melchor, Gaspar e Baltasar e, pola tarde, a pesar da previsión de choiva, sairá a Cabalgata dos Reis Meigos polas rúas da Boa Vila. Entre un e outro evento repartiranse dúas toneladas de caramelos que serán aptos para celíacos e, no caso da recepción, ademais, serán sen azucre.

RECEPCIÓNS

Sexa un día ou outro ou con algúns cambios, os nenos e nenas de toda Galicia terán a posibilidade de ter o seu encontro cos Reis Meigos, como a recepción en Valga, o día 5, a partir das 16.00 horas, nos exteriores do Belén Artesanal. En Sanxenxo non haberá finalmente cabalgata e si recepción no pavillón de Nantes. En Miño, estarán xa desde a mañá, a partir das 10.30 horas, con visita ás parroquias para logo á tarde facer a tradicional cabalgata, a partir das 18.30 horas. De haber modificacións, apelan desde o consistorio a estar atentos aos cambios a través de redes sociais. En Poio será, mentres, o día 6, cunha ruta real previa o domingo.

En Monforte, os Reis Meigos chegarán por tren ás 17.30 horas. En caso de choiva forte, trasladaranse en autobuses desde a estación do tren ata o Concello e aí haberá a recepción no salón de plenos. O mesmo ocorrerá en Cambre de non poder celebrarse o tradicional percorrido. Noutros municipios coruñeses como Oleiros mantense en principio a cabalgata, igual que en Carballo onde haberá posibilidade de seguila por streaming. Betanzos mantén o seu tradicional percorrido que, no caso de que o impedise o tempo, limitaríase a unha recepción no Liceo. E para os nenos e nenas que non poidan gozar as cabalgatas debido á choiva, impulsada polo Colexio de Xoiaría de Galicia e a Federación Galega do sector, con apoio da Xunta, haberá as alternativa 'Mensaxes Máxicas', coa oportunidade de recibir unha mensaxe a través da plataforma www.mensaxesmaxicas.com.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta