A Internacional Antifascista en Galicia condena a "intromisión das potencias imperialistas" nos asuntos de Venezuela

A Internacional Antifascista, na que se inclúen partidos como o BNG, Podemos e Esquerda Unida, considera que esta "intromisión" está "orquestrada por intereses económicos e xeopolíticos" e "constitúe unha grave violación do dereito internacional e un atropelo á soberanía dos pobos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 07/01/2025 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

O Capítulo Galego da Internacional Antifascista, plataforma na que se inclúen partidos como o BNG, Podemos e Esquerda Unida, condena "enerxicamente" a "constante intromisión das potencias imperialistas e outros países intervencionistas" nos asuntos internos de Venezuela. Así se pronuncia nun comunicado este colectivo ante a toma de posesión de Nicolás Maduro como presidente do país latinoamericano, que terá lugar este venres, 10 de xaneiro, pese ao discutido recoñecemento internacional do resultado das eleccións do ano pasado. A Internacional Antifascista considera que esta "intromisión" está "orquestrada por intereses económicos e xeopolíticos" e "constitúe unha grave violación do dereito internacional e un atropelo á soberanía dos pobos".

Nicolás Maduro, presidente de Venezuela
Nicolás Maduro, presidente de Venezuela | Fonte: Arquivo

Así, menciona o "principio de autodeterminación" consagrado na Carta de Nacións Unidas como un "alicerce fundamental" da convivencia entre nacións. "Non entanto, gobernos de países do norte global, apoiados por poderes fácticos e medios de comunicación ao servizo de elites corporativas, emprenderon unha campaña sistemática de desestabilización contra Venezuela" que "non só busca deslexitimar os procesos democráticos dese país, senón tamén promover intereses económicos alleos que saquen os recursos naturais dos pobos do sur global", denuncia a plataforma, que menciona medidas como "bloqueos económicos", "sancións ilegais" e "ameazas de intervención militar".

Son todas elas, engade, medidas "disfrazadas de preocupación polos dereitos humanos" pero que realmente constitúen un "ataque directo contra un proxecto soberano" que avanza cara a un modelo político e social alternativo "ao ditado hexemónico". Neste contexto, o Capítulo Galego da Internacional Antifascista condena a "hipocrisía dos países que xustifican estas accións" e que "calan ante violacións de dereitos humanos comtidas por réximes aliados", entre os que sitúa a Israel, Arabia Saudita e Turquía".

Así, esta plataforma fai un chamamento "aos pobos do mundo" para "solidarizarse" co venezolano "e coa Revolución Bolivariana" para defender "o dereito de todas as nacións a decidir libremente o seu destino, sen interferencias externas". O Capítulo Galego da Internacional Antifascista está constituído por diferentes movementos civís e políticos, entre os que destacan o BNG, Galiza Nova, a UPG, Podemos Galicia, Esquerda Unida, o Partido Comunista, a CIG, a Fundación Galiza Sempre e outras personalidades a título individual, como Teresa Moure, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Luís Axeitos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta