Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2025 | Actualizada ás 14:14
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou que unhas 82.000 persoas recibiron en decembro a axuda do Ingreso Mínimo Vital o pasado mes de decembro para poder afrontar con garantías as súas necesidades máis básicas e reclamou á Xunta que manteña o "mesmo compromiso" e que "faga o seu traballo". Así se pronunciou o delegado do Goberno en declaracións difundidas aos medios despois de que se coñecese que Galicia e outra ducia de comunidades reduciron o seu gasto en rendas mínimas (ata máis dun 41 % tras a implantación do IMV no ano 2020), segundo a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais.
Respecto diso, o delegado do Goberno lembrou que esta prestación posta en marcha polo Executivo estatal ten como obxectivo reducir a pobreza e alcanzar a inclusión destas familias galegas. "Un fin no que deberiamos traballar todas as administracións, pero que, en Galicia, lamentablemente, non está a suceder", censura. Deste xeito, destacou que o Goberno de Pedro Sánchez inviste tres veces máis que a Xunta nesta materia. "Estamos a ver como a Xunta reduce sistematicamente as achegas da Risga. Unha decisión política que deixa a numerosos fogares sen protección", asegura. Por iso, reclama ao Executivo galego "o mesmo compromiso que mostra o Goberno" e que "cumpra coas súas responsabilidades e faga o seu traballo".
RUEDA: A XUNTA "AXUSTA PROCEDEMENTOS"
Cuestionado sobre as palabras do delegado do Goberno, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou este mércores que o Executivo autonómico "está a axustar os seus procedementos para que todos aqueles que teñen dereito a prestacións tan importantes como a Risga poidan percibilas". Neste sentido, a preguntas dos medios tras participar nun acto en Santiago, incidiu en que os cidadáns "que necesiten" este tipo de prestacións deben estar "absolutamente tranquilos" se cumpren os requisitos para percibir a Risga.
Así mesmo, instou ao Goberno a "cumprir" cos seus "compromisos de achega" en materia de política social e dependencia, que cifrou en 2.000 millóns cos que, "por exemplo", Rueda sinalou que podería aumentarse a achega aos concellos para a prestación do servizo de axuda a domicilio. Nunha resposta difundida aos medios posteriormente, a Consellería de Política Social subliñou que o Goberno "segue tendo pendente desde hai máis de dous anos o seu compromiso de traspasar a Galicia o Ingreso Mínimo Vital (IMV)" mentres xa foi transferida a comunidades como País Vasco, Navarra e Cataluña.
Ademais, sostén que "en ningún caso" diminuíron os fondos de políticas sociais de inclusión que "de feito" aumentaron "un 10 % desde a entrada en vigor do IMV, superando na actualidade os 131 millóns de euros". "Este incremento permite atender a través da Risga a todas as persoas que a solicitan e que non poden ou non queren transitar ao IMV debido ás dificultades que teñen aínda hoxe para poder recibilo", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.