Juan Gestal, epidemiólogo: "Este ano a gripe vén atrasada e o pico agárdase a finais de xaneiro ou comezos de febreiro"

O epidemiólogo e catedrático xubilado de Medicina Preventiva na USC aseguura que "o que houbo nestas últimas semanas foron moitos catarros, que moitos poden confundir coa gripe, e infeccións por virus respiratorio sincitial (bronquitis e bronquiolitis), que acadaron o seu pico na semana 50".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 08/01/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Febre, calafríos, tos, dor de cabeza, dor de garganta, coxestión nasal, dor muscular, fatiga... Recoñeces estes síntomas? A gripe é unha desas enfermidades que cada inverno nos acompañan incansablemente e que afecta en diferente medida a cada persoa, cursando con síntomas leves na maioría e complicacións nunha minoría. Sen embargo, aínda que non revista gravidade na maioría dos casos, si que resulta un atranco para a vida cotiá, xa que a persoa se atopa máis cansa, débil e mesmo pode ter que recalar na cama varios días. Para facerlle fronte, as únicas medidas efectivas son a prevención e a vacinación, que polo de agora se atopa en taxas de cobertura do 74,25 % en maiores de 65 anos, do 61,56 % en nenos menores de 5 anos, do 35,06 % en mulleres embarazadas e do 48,32 % en profesionais sanitarios. Dende o Galicia Confidencial falamos co epidemiólogo e catedrático xubilado de Medicina Preventiva na Universidade de Santiago de Compostela (USC) Juan Gestal, que nos conta o que podemos esperar do comportamento da gripe este ano.

Gripe
Gripe | Fonte: Getty Images

"Estamos comezando a tempada da gripe, este ano vén atrasada", asegura o epidemiólogo, que explica que a gripe "deixou o nivel basal na semana 52 (do 23 ao 29 de decembro), comezando o crecemento epidémico (o umbral epidémico está nos 35,3 casos por 100.000 habitantes), pero na súa parte baixa (a incidencia actual é de 41,6 casos por 100.000 habitantes)". Así, "estímase que alcanzará o pico entre finais de xaneiro e mediados de febreiro", apunta. Con todo, asegura que por agora as súas taxas de incidencia están por debaixo das das tres tempadas anteriores, aínda que non dea esa sensación ao saír á rúa e ver a moita xente con síntomas compatibles coa gripe. Ao respecto, Gestal sinala que "o que si houbo nestas últimas semanas foron moitos catarros, que moitos poden confundir coa gripe, e infeccións por virus respiratorio sincitial (bronquitis e bronquiolitis), que acadaron o seu pico na semana 50, e, aínda que por suposto tamén houbo casos de gripe, non todas as infeccións respiratorias agudas (IRAs) son gripe".

E é que resulta moi frecuente que ante calquera síntoma compatible cunha gripe, pero tamén con outras enfermedades que afectan ao sistema respiratorio, directamente se fale de ter gripe. Así, hai persoas que ata din ter sufrido varios episodios de gripe nun breve espazo de tempo. Sobre isto, Gestal asegura que "é posible sufrir varias gripes nun ano, ao infectarse por cepas diferentes, pero non é algo moi frecuente", e explica que aqueles casos que manifestan síntomas compatibles coa gripe en diferentes momentos separados entre si por un breve período de tempo, "seguramente responden máis a persoas que sofren varios catarros ou varios catarros e unha gripe nun corto espazo". Tamén podería haber entre estas persoas algunha infección por coronavirus non detectada, pero isto sería algo igualmente pouco frecuente, xa que "os sistemas de vixilancia epidemiolóxica das infeccións respiratorias agudas teñen medios para detectalo" e "o que sabemos agora é que o covid está circulando a un nivel moi baixo despois do aumento que houbo no verán, sendo a subliñaxe KP3 a predominante".

"SEMPRE MIRAMOS O QUE ACONTECEU NO HEMISFERIO SUR PARA DARNOS UNHA IDEA DO QUE PODE ACONTECER AQUÍ, PERO ESTE ANO NON NOS VAI SER MOI ÚTIL"

Que cómpre agardar do comportamento da gripe nas vindeiras semanas? O epidemiólogo lembra que os expertos "sempre miramos o que aconteceu no hemisferio sur para darnos unha idea do que pode acontecer aquí, pero este ano témome que non nos vai ser moi útil". E é que, no hemisferio sur, "a gripe adiantouse, mentres que aquí, polo momento, atrasouse". No tocante aos virus dominantes no noso territorio, Gestal sinala que "de momento é o virus B (10 %) o que ocupa o primeiro lugar, seguido do AH1N1 (6 %) e AH3N2 (2,5 %)". As porcentaxes de cada un deles no hemisferio sur variaron bastante duns países a outros. Deste xeito, "a conclusión que alí sacaron foi a dunha repetición da situación dos anos anteriores", apunta.

Juan Gestal, epidemiólogo e excatedrático de Medicina Preventiva na USC
Juan Gestal, epidemiólogo e excatedrático de Medicina Preventiva na USC | Fonte: RTVE.es - Arquivo

Tamén se escoita nas rúas iso de que nos últimos anos, especialmente despois da pandemia de coronavirus, a gripe vén máis forte, de maneira que as persoas infectadas teñen síntomas máis acusados. Canto hai de verdade nesta afirmación? Gestal é claro ao respecto: "Non houbo cambios na súa contaxiosidade nin na súa infecciosidade máis aló dos correspondentes ás súas variacións por tratarse dun virus RNA, que fai que, cando se multiplica, cometa pequenos erros que, co paso do tempo, poden permitirlle fuxir das nosas defensas inmunes". É precisamente por este motivo que "cada ano precisamos volver vacinarnos utilizando vacinas que levan as cepas que máis circularon na tempada anterior e fronte ás cales a inmunidade da poboación é menor", resalta o epidemiólogo, que asegura que "a eficacia das vacinas en cada tempada de gripe depende de en que medida as cepas de virus gripais que conteñen se parezan ás que estean circulando nese ano".

Precisamente por iso, as vacinas fronte á gripe empregan cepas que se actualizan todos os anos. "A Organización Mundial da Saúde (OMS) organiza cada ano, a finais de xaneiro no hemisferio norte e en setembro no hemisferio sur, unhas reunións cos expertos dos laboratorios internacionais e nacionais de gripe, nas que se analizan os resultados da vixilancia epidemiolóxica da gripe (que cepas circularon con maior frecuencia e cal é a inmunidade da poboación fronte ás cepas circulantes), elixindo para formar parte das vacinas da gripe da seguinte tempada en cada un dos hemisferios aquelas cepas de virus A (H1N1), A (H3N2) e B/Victoria e B/Yamagata que máis estiveron circulando e fronte ás que a poboación ten menos inmunidade", explica Gestal.

"NON HAI MEDICAMENTOS ESPECÍFICOS; ADOITA DICIRSE QUE SEN TRATAMENTO A GRIPE CURA EN 7 DÍAS E, CON TRATAMENTO, NUNHA SEMANA"

Agora ben, para aqueles que xa teñen a gripe 'ao lombo', como adoita dicirse, cales son as recomendacións dos expertos? "A gripe trátase mediante descanso na cama, tomando líquidos para manter unha boa hidratación e axudar a fluidificar e eliminar as secrecións respiratorias e antitérmicos se a febre nos molesta", aconsella o epidemiólogo, que lembra que "non hai tratamentos ou medicamentos específicos efectivos para a gripe". Tanto é así que "dise que 'sen tratamento a gripe cura en 7 días e, con tratamento, nunha semana'", chancea Gestal, que tamén advirte de que "non se deben utilizar antibióticos, por ser ineficaces fronte aos virus gripais, salvo indicación médica porque existe unha sobreinfección bacteriana".

O único que cambiou agora con respecto á época do covid é que "durante as fases máis agudas da pandemia só circulaba o SARS-CoV-2"; e, máis tarde, cando este se debilitaba e xa circulaba menos, comezaron a circular timidamente outros virus respiratorios, entre eles o da gripe". Este comportamento "xa é algo que observaramos tamén durante a fase aguda da pandemia de gripe A, cando só circulaba o virus pandémico", indica Gestal, que compara estes virus coas águias, ás que tamén lles gusta circular en solitario. Unha vez rematada a pandemia de covid e cando volveron xa a circular os demais virus respiratorios "comentouse que a poboación podía estar máis exposta a sufrir un brote maior de gripe, por non ter recibido durante o tempo da pandemia os reforzos inmunolóxicos que as infeccións anuais producen, pero, finalmente, nada disto aconteceu", celebra o epidemiólogo.

EN QUE SE DIFERENZA UNHA GRIPE DUN CATARRO?

Aínda que ambas patoloxías poden ter síntomas moi semellantes, non son o mesmo. As principais diferenzas da gripe con respecto ao catarro son: febre alta repentina (entre 38 e 40 ºC) e sensación de quebrantamento xeral e dores musculares ou articulares moi acusados. Así, nun catarro os síntomas adoitan aparecer progresivamente: mocos, estornudos, taponamento nasal, ollos chorosos, dor de cabeza, conxestión nasal e cansancio leve ou moderado. Mentres que, nunha gripe, os síntomas maniféstanse uns cinco días despois de terse producido o contaxio e de xeito repentino: febre alta, dor de cabeza, dor muscular (costas e pernas), malestar xeral e, en ocasións, conxestión nasal, dos de garganta e tos. Ambos teñen orixe vírica, pero a gripe está causada máis en concreto polo virus da influenza e o catarro pode estar causado por diversos virus.

Unha muller vacínase o día de apertura do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para a dobre inmunización fronte ao COVID e a gripe, a 26 de outubro de 2023, en Vigo
Unha muller vacínase o día de apertura do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para a dobre inmunización fronte ao COVID e a gripe, a 26 de outubro de 2023, en Vigo | Fonte: Javier Vázquez - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta