O TSXG outorga a praza de funcionaria a unha profesora tras corrixir un erro na puntuación dos seus méritos

Os maxistrados recoñeceron "o dereito da demandante a que se lle adxudique a puntuación definitiva de 12 puntos" como valoración dos seus méritos e non a de 10,4828 como se publicou.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2025 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) obrigou á Xunta a nomear como funcionaria de carreira a unha profesora de inglés de Educación primaria, tras corrixir un erro durante o proceso de selección polo que a súa puntuación por méritos resultara inferior á que lle correspondía. A sentenza, emitida o pasado 27 de novembro, estimou o recurso que a aspirante presentara contra a orde de 21 de xuño de 2023, que facía pública a relación de persoal que superara o proceso para ingresar, por méritos, no corpo de mestres de Educación primaria.

Así, os maxistrados recoñeceron "o dereito da demandante a que se lle adxudique a puntuación definitiva de 12 puntos" como valoración dos seus méritos e non a de 10,4828 como se publicou "e a que se lle inclúa no posto de orde que corresponda a tal cualificación, con todos os efectos económicos e administrativos que sexan oportunos". Neste particular, engade o TSXG, nomearaa como funcionaria en prácticas "e no seu caso toma de posesión". Ademais, a sentenza (contra a que cabe recurso de casación) obriga á Xunta a pagar 1.500 en concepto de costas procesuais. A aspirante, que recibiu asistencia xurídica do sindicato CSIF, participou neste concurso de méritos e presentou unha autobaremación de méritos que sumaba de maneira "anómala" 10,4828 puntos, aínda que realmente debían alcanzar os 12.

UNHA AUTOBAREMACIÓN "VINCULANTE"

Tal e como explica a sentenza, este erro non era imputable á aspirante, pero as bases da convocatoria dicían que a solicitude presentada, xunto coa autobaremación realizada, tiña carácter "vinculante" e "calquera erro ou omisión nesta pode determinar que non se obteña praza". Con todo, sinalan os maxistrados, as bases tamén din que a autobaremación que realizan os aspirantes está "supeditada á posterior verificación desta pola comisión de selección". Por tanto, o TSXG ve contrario aos principios de "mérito e capacidade" o criterio adoptado de non permitir puntuacións superiores ás declaradas no autobaremo.

Para CSIF, esta decisión do alto tribunal galego "reforza a obrigación das administracións públicas de actuar con obxectividade e garantir a corrección de erros que poidan afectar os dereitos dos participantes en procesos selectivos". Así mesmo, "limita a discrecionalidade das comisións de selección na interpretación das bases das convocatorias". "Este caso demostra que un erro técnico non pode nin debe prexudicar aos aspirantes que cumpren cos méritos esixidos. O noso equipo xurídico seguirá traballando para que os dereitos dos participantes sexan respectados en todos os niveis da administración pública", insiste o sindicato.

Sede do TSXG
Sede do TSXG | Fonte: Xunta - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta