Visitar o colexio cando a recuperación o permite contribúe a mellorar a situación dos alumnos enfermos de cancro

Así se recolle nun estudo elaborado na Universidade de Santiago que identifica unha serie de propostas no campo administrativo para a atención do desenvolvemento de nenas e nenos que padecen esta enfermidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2025 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

Visitar o centro educativo cando a recuperación o permite contribúe a mellorar a situación do alumnado enfermo de cancro, segundo recolle un estudo elaborado na Universidade de Santiago que identifica unha serie de propostas no campo administrativo para a atención do desenvolvemento de nenas e nenos que padecen esta enfermidade.

A análise forma parte da tese de Carlos Loureiro Romeu defendida recentemente na USC, que expón un total de 39 propostas para mellorar a atención do alumnado enfermo de cancro, como a asignación dun especialista ou simplificar os trámites ás familias do procedemento de atención hospitalaria ou domiciliaria. Así mesmo, tamén suxire a creación dunha plataforma telemática con información para todas as persoas participantes no proceso ou asinar convenios coas asociacións que desenvolven actividades para nenas e nenos con cancro.

Ademais, o investigador, docente de Primaria no colexio Santo Domingo da Coruña, propón actividades semanais para os pacientes, como visitas esporádicas ao centro cando o proceso de recuperación o permita ou manter a comunicación co resto de compañeiros por vía telemática a través de videoconferencias. Unha das carencias identificadas é a ausencia de concreción nas persoas que debe asumir a adaptación curricular ou da programación, pois a lexislación neste ámbito é "moi abstracta" con diferenzas notables entre comunidades autónomas.

Tamén apunta as diferenzas entre os protocolos de actuación ao existir unha única guía xeral para calquera tipo de enfermidade que non ten en conta que os casos de cancro teñen "unha porcentaxe de posibilidade de recaída". No caso de producirse esta recaída, Loureiro sinala que as familias deben "volver cubrir as solicitudes para atención educativa, facer todos os trámites de novo, e o alumnado pode ter un profesorado diferente, non ten por que coincidir, a pesar de que sería recomendable".

Neno con cancro
Neno con cancro | Fonte: RTVE - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta