Confirmado: a muller achada morta en Porto do Son é a veciña de Portugal desaparecida desde finais do pasado ano

Trátase de Priscila Soidade M.M., a muller de 50 anos de idade, veciña da localidade portuguesa de Esposende, no distrito de Braga. A autopsia descartou indicios de criminalidade na morte.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2025 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

Os investigadores lograron finalmente identificar o corpo achado hai unha semana nunha praia de Porto do Son: trátase de Priscila Soidade M.M., a muller de 50 anos de idade, veciña da localidade portuguesa de Esposende, no distrito de Braga, que estaba a ser buscada desde finais do ano pasado. Segundo puido confirmar Europa Press, as probas de ADN confirmaron a identidade da muller, cuxo corpo sen vida foi localizado ao mediodía do pasado 6 de xaneiro, na praia de Arnela, en Baroño.

A muller non levaba documentación e, tras a aparición do cadáver, abriuse unha investigación para determinar a súa identidade. Mentres, en Portugal, o marido de Priscila trasladou as súas sospeitas de que a falecida podería ser a súa esposa, da que non se sabía nada desde o 29 de decembro, e esta era a principal hipótese que manexaban os investigadores.

A autopsia practicada ao corpo descartou indicios de criminalidade e, tras a confirmación da súa identidade, o corpo xa foi incinerado, na intimidade familiar, no tanatorio do Barbanza. As dilixencias policiais sobre as circunstancias do falecemento son levadas a cabo polo Comando Territorial de Braga da Garda Nacional Republicana (GNR) portuguesa.

Praia de Arnela
Praia de Arnela | Fonte: Xunta - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta