Rueda avalaría unha moción de censura de PP e Junts contra Pedro Sánchez

"Iso si, non a calquera prezo", di ao tempo que recoñece que cree que "non se dan as condicions".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2025 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, ve "lexítimo" que o seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, como "gañador" das últimas eleccións xerais, aspire a gobernar a costa dun acordo con Junts, o partido de Puigdemont, ao que acusan de separatista e secionista. Así, deu a entender que avalaría unha moción de censura apoiada por Junts sempre que as condicións fosen "aceptables".

Iso si, deu por feito que o presidente do PP estatal non pactará coa formación de Carles Puigdemont "a calquera prezo": "Se non o fosen (condicións aceptables), que supoño que non o son, pois non poderá ser". Así se pronunciou, a preguntas dos medios, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, na que defendeu que non ve "ningunha novidade" con respecto á intención de que "quen gañou as eleccións" en España aspire a formar goberno.

Neste punto, lembrou que, como di o propio Feijóo "moitas veces", os números para a investidura "non deron" ou "as condicións que podían facer que desen eses números non eran de recibo". Contrapuxo que "si" o foron para o actual presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o país ve "as consencuencias diarias".

"NON A CALQUERA PREZO"

Deste xeito, concluíu que o líder do PP "está a dicir o que ten que dicir o gañador das eleccións: que está en disposición, se desen os números, de gobernar". "Iso si, non a calquera prezo. Creo que tamén o dixo xa nestes días", apostilou.

"A posibilidade, porque é unha posibilidade matemática, de que dean os números, non quere dicir que se materialice aceptando calquera condición. E creo que nese estadio estamos agora mesmo: se as condicións ou requisitos fosen aceptables, podería ir para diante. Se non o fosen, que supoño que non o son, pois non poderá ser", resolveu.

Carles Puigdemont
Carles Puigdemont | Fonte: @KRLS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta