Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2025 | Actualizada ás 20:30
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, traslada á poboación recomendacións para reducir ou evitar o impacto negativo das baixas temperaturas no organismo, especialmente, na poboación máis vulnerable, tendo en conta o actual episodio de frío.
Así, e segundo as comunicacións do Ministerio de Sanidade, Galicia atópase en alerta por baixas temperaturas. En concreto, a provincia de Pontevedra está en nivel 3 e a de Ourense en nivel 2. Entre estas recomendacións conséllase empregar roupa lixeira, non apertada e que transpire, empregando varias capas de roupa lixeiras sobrepostas en lugar dunha soa de tecido groso.
Débese prestar especial atención á protección da cabeza, o pescozo, os pés e as mans, porque son as zonas máis sensibles e de maior perda de calor. Empregarase, ademais, roupa de abrigo resistente ao vento e á humidade, e calzado impermeable e antiescorregadizo. Ademais, procurarase permanecer seco, xa que a roupa mollada arrefría o corpo rapidamente.
No caso de ter que realizar un traballo físico baixo o frío, deberá facerse con precaución, suavemente, procurando non esgotarse, especialmente se se sofre algunha doenza de tipo cardiorrespiratorio ou hipertensión. Así mesmo, recoméndase respirar polo nariz e non pola boca, xa que o aire quéntase ao pasar polas fosas nasais, e así diminúe o frío que chega aos pulmóns. Ademais, é conveniente beber líquidos quentes e azucrados, salvo contraindicación médica, e evitar as bebidas alcohólicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.