Como se pode dicir que non houbo fusilados no campo de concentración de San Simón?

O alcalde de Nigrán, Inciciativa Galega pola Memoria ou o BNG critican duramente e piden a dimisión do deputado do PP que dubidou de crimes franquistas en San Simón.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2025 | Actualizada ás 19:57

Comparte esta noticia

"Que nós teñamos constancia tampouco sabemos, a día de hoxe pola documentación que existe, que houbese mortes na illa de San Simón, salvo abusos do director da prisión naquel momento, que foi pasado polo coitelo porque trataba mal aos presos". Era a contestación que deu este mércores o deputado popular José Luís Ferro a unha pregunta do PSdeG na que puxo en dúbida a existencia de mortes na illa de San Simón mentres foi campo de concentración do réxime franquista. Unha argumentación que foi duramente contestada por alcaldes, colectivos de memoria histórica e o BNG.

Imaxe da rodaxe na illa de San Simón.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Imaxe da rodaxe na illa de San Simón.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS

Así, ass entidades agrupadas na Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) veñen de  facer pública unha declaración na que califican as afirmacións “de extrema gravidade, polo que supoñen de negación da verdade histórica e banalización do acontecedido nunha das máis duras e crueis prisións franquistas” e por iso solicitan “ inmediata rectificación pública do representante do PP e unha petición de desculpas ás vítimas e ás súas familias.”

Recordan desde o organismo, que agrupa a boa parte do movemento memorialista do país, que “está máis que acreditada e demostrada a represión extrema, a crueldade, as torturas, os traballos forzados, as extorsións o terror que sufriron os presos da Illa de San Simón e do barco Upo Mendi”. Nese senso, e seguindo as investigacións de Gonzalo Amoedo e Roberto Gil, publicadas no libro “Episodios de terror durante a guerra civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón (editorial Xerais, 2008)”, explican que na illa de San Simón morreron cando menos 482 persoas de fame e enfermidade, sobre todo nos anos 1940-1941 e 1942 e a cifra “non recolle a totalidade das mortes xa que a documentación que existe é incompleta ou de difícil acceso”. 

A maior parte destas persoas falecidas por fame e enfermidades –explican- eran o grupo de presos coñecidos como “os vellos”: persoas de avanzada idade procedentes de zonas afastadas de Galiza, que non contaban con redes de apoio familiar. Constatan ademais que foron enterrados en cemiterios de Redondela e Vigo e ainda hoxe hai numerosas familias que non coñecen onde están os seus restos.

"INSULTO ÁS VÍTIMAS"

Pola súa banda, Juan González, alcalde de Nigrán e historiador especializado na Guerra Civil, dixo que era un "insulto" ás vítimas as palabras do deputado popular.  González, coautor do libro e documental "Aillados. A memoria dous presos de 1936 na Illa de San Simón" xunto a Antonio Caeiro e Clara de Saá, indica a través dun comunicado que enviará un exemplar ao deputado popular ourensán, tras negar as mortes neste campo de concentración.

"Cuestionar a realidade de San Simón é un insulto ás vítimas e ás súas familias e un atentado contra a memoria histórica", indica. O rexedor esixe ao presidente da Xunta que "tome cartas neste asunto. O propio feito de matar de fame é un crime contra a humanidade, así o recoñece a ONU".

"Hai miles de papeis oficiais que o proban, ademais de testemuñas. Non se pode permitir este negacionismo e menos dun deputado. San Simón foi un campo de concentración no que se cometeron crimes de guerra", finaliza.

BNG

Pola súa banda, o BNG reclamou unha rectificación "inmediata" polas palabras do deputado do PP José Luís Ferro nas que puxo en dúbida a existencia de mortes na illa de San Simón mentres foi campo de concentración do réxime franquista. Nun comunicado trasladado aos medios este xoves, o deputado do BNG Luís Bará cualificou as declaracións do popular de "extrema gravidade" que deberían supor, no caso de non darse unha rectificación do Grupo Popular, a dimisión do parlamentario pola provincia de Ourense.

Tras anunciar a presentación dunha batería de iniciativas en demanda dunha rectificación "pública e inmediata" por parte do PP, Luís Bará tachou a intervención de Ferro como unha "grave ofensa" á memoria das máis de 6.000 persoas que, segundo as investigacións históricas, pasaron por San Simón entre 1936 e 1943.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta