Por E.P. | | 17/01/2025 | Actualizada ás 14:06
O concelleiro do BNG en Lugo, Felipe Rivas, anunciou este venres a súa dimisión por razóns persoais que lle impiden continuar coas súas responsabilidades no goberno municipal. O seu posto será ocupado por Iria Buide, número seis na lista electoral do Bloque Nacionalista Galego nos últimos comicios locais.
A decisión foi comunicada nunha rolda de prensa na que estiveron presentes o propio Rivas, o tenente de Alcalde e portavoz do BNG, Rubén Arroxo, e a futura edil. Durante a súa intervención, Felipe Rivas explicou que deixa o cargo tras un período de baixa por motivos de saúde e que lamenta non poder seguir desenvolvendo o seu labor. "Agora mesmo non podo dar o nivel que necesita a veciñanza, e o proxecto ilusionante que o BNG ten para este concello ten que continuar", declarou.
O edil destacou a súa experiencia no goberno local como "unha honra" e agradeceu a confianza depositada nel para traballar polos veciños de Lugo. Entre os seus logros, Rubén Arroxo subliñou a xestión das escolas infantís, os comedores escolares e as axudas para material educativo, aspectos nos que Rivas "logrou os obxectivos marcados para este período". Ademais, o portavoz do BNG manifestou que Rivas seguirá vinculado ao proxecto político cando a súa situación persoal o permita. 'Isto non é un adeus, é un ata máis tarde', engadiu.
Por outra banda, Iria Buide mostrou a súa disposición para asumir as novas responsabilidades. Técnico en anatomía patolóxica e profesora de inglés, afronta esta etapa coa intención de "seguir traballando por Lugo" e contribuír ao proxecto do BNG na cidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.