Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2025 | Actualizada ás 18:15
A Consellería de Vivenda e Infraestruturas publicou este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases reguladoras das axudas para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao aluguer social nos concellos con menos de 30.000 habitantes. Así, as axudas teñen como obxectivo que os concellos rehabiliten este tipo de infraestruturas e as adxudiquen, en réxime de aluguer, a unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o Iprem.
Desta forma, o prazo de presentación de solicitudes comezará o 27 de xaneiro de 2025 e finalizará o 3 de xuño de 2025 e, en todo caso, no momento no que se esgote o crédito orzamentario. A contía das axudas poderá alcanzar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, pero en non poderá superar os 50.000 euros por vivenda rehabilitada ou os 55.000 euros no caso de vivendas situadas en ámbito histórico ou nos Camiños de Santiago ou da Ribeira Sacra. Así mesmo, se a edificación a rehabilitar está situada nun lugar declarado área de rexeneración urbana de interese autonómico, a cantidade incrementarase en 2.000 euros por vivenda.
CONCELLOS DE MENOS DE 10.000 HABITANTES
Por outra banda, a Xunta publicou a orde pola que se establecen as bases reguladoras á concesión de subvencións do Programa de infravivenda, dirixido a concellos de menos de 10.000 habitantes para a rehabilitación de vivendas. Segundo recolleu o DOG, estas subvencións buscan dar apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar ás unidades de convivencia que residan, en condicións de propietarias, nunha infravivenda e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.
Así mesmo, o obxectivo é permitir a este tipo de concellos a rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a facer fronte aos problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos destas axudas. En canto á contía non poderá superar o 95 % do orzamento protexido polas obras, sen que poida superar os 15.000 euros por vivenda rehabilitada. O prazo para pedilas abre o 27 de xaneiro e finalizará o 3 de xuño e as solicitudes deberán ser presentadas obrigatoriamente por medios electrónicos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.