O BNG acusa a Xunta de "favorecer" a Altri: "Está a bordear a prevaricación"

Ve "un simulacro de tramitación ambiental" e advirte "presións a altos cargos e funcionarios" para aceptar o proxecto.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2025 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

O viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará, reiterou este luns que o proceso de revisión do proxecto industrial de Altri en Palas de Rei está "cheo de irregularidades e anomalías" que, denunciou, "bordean a prevaricación" e que poderían "acabar nos tribunais" por "favorecer os intereses" da compañía.

Nunha rolda de prensa convocada en Santiago, Bará lembrou que o atraso na resolución da tramitación ambiental, que a Xunta estimou que estaría lista a final de 2024, activa o risco de que a Administración galega deba "pagar a Altri medio millón de euros de indemnización" que se "autoimpuxo" en caso de tardar máis dun ano neste trámite. Para Luís Bará, as "anomalías" neste proceso "son interminables, "en primeiro lugar porque a Xunta e Altri son socios neste proxecto", o que xera "un conflito de intereses, xa que se teñen que pronunciar sobre un proxecto que impulsaron e no que teñen certa participación".

Tanto a conselleira do ramo como o presidente da Xunta, engadiu Bará, "sempre deron por feito que se ía a aprobar", polo que estima que "a decisión de aprobar a declaración de impacto ambiental xa está tomada desde o inicio" e que agora só se está facendo "un simulacro de declaración ambiental" para "forzar a maquinaria".

O deputado do BNG considera que a Xunta "fíxolle un traxe a medida normativo e administrativo" a Altri e agora "está a facer a tramitación ambiental, urbanística e de auga con fórceps", o que xeral, ademais de "tensións no sector social galego", unha "alta tensión entre departamentos da Xunta e fortes presións a funcionarios e altos cargos para que informen favorablemente deste proxecto", dixo Bará. "O PP e a Xunta están a ir demasiado lonxe para favorecer os intereses dunha empresa privada", apuntou o nacionalista, para quen hai "tres elementos críticos" que xustifican unha declaración ambiental desfavorable, como son o impacto paisaxístico no Camiño de Santiago, o impacto sobre a biodiversidade e o impacto sobre a auga.

Unha declaración favorable, avanzou "pode dar lugar no futuro á vía xudicial", polo que nesta "conta atrás", Bará quixo transmitir que o BNG "vai estar alerta, vixiante e ter a máxima esixencia e control" sobre este proceso.

O viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará
O viceportavoz parlamentario do BNG, Luís Bará | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta