Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2025 | Actualizada ás 14:05
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, ratificou este luns a aposta do seu partido pola "educación inclusiva" e reclamou á Xunta que "poña fin ás desigualdades evidentes" no ámbito da educación a través da asignación de "máis recursos". Así o dixo Besteiro, en declaracións aos medios, tras manter un encontro con representantes de Down Galicia, encabezados polo seu presidente, Delmiro Prieto. O secretario xeral encadrou este encontro no "marco no que opera o partido socialista na política", o da "loita contra as desigualdades". "E do que hoxe vimos falar é de pór fin a unha desigualdade evidente, a favor dunha educación inclusiva", dixo Besteiro, unha modalidade que, lembrou, é a que "está a producir mellores resultados".
Para lograr unha educación plenamente inclusiva, apuntou, é necesario "pór fin a esa desigualdade" e, para iso, "investir máis no ámbito educativo". "Quen realmente quere potenciar a educación inclusiva, destina máis recursos públicos a que iso sexa así", dixo, argumentando que, entre outras cousas, "falta persoal de apoio" para este alumnado. Esta será unha das cuestións que trasladarán os socialistas na súa pregunta ao presidente durante o próximo Pleno, onde queren incidir na necesidade de promover a igualdade e loitar contra a desigualdade dos cidadáns en campos como a sanidade ou a educación a través do investimento no ámbito público.
APOSTA POLA INCLUSIÓN
O presidente de Down Galicia destacou a "sintonía" existente entre a visión trasladada por Gómez Besteiro e as súas demandas no ámbito educativo, no que a súa organización aposta "sen atallos e sen complexos pola inclusión". Delmiro Prieto lembrou que a educación é "un alicerce fundamental sobre o que se constrúe unha sociedade". "Se non ten uns bos cimentos, e non son inclusivos, dificilmente podemos ir educando noutras etapas da vida en valores como o respecto e a igualdade", engadiu.
O representante de Down Galicia quixo pór enriba da mesa o debate sobre a inclusión, criticando que "se están trasladando datos que non se corresponden" e afirmando que non se están incrementando medios neste ámbito. Ademais, criticou que "na educación pública non teñen cabida as aulas nas que se separa a xente". "Non podemos falar de inclusión mentres se fagan estas prácticas", apostilou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.