A nova lei da CRTVG e as conclusións da comisión de contratos, a debate no primeiro pleno de 2025

Pontón e Besteiro preguntarán polos recortes en servizos públicos e sanidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2025 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

primeiro pleno da Cámara galega deste 2025 acollerá o debate da totalidade do proxecto de lei de medios audiovisuais de Galicia, así como das conclusións da comisión posta en marcha no Parlamento de Galicia para investigar os contratos da Xunta durante a pandemia, co grupo Eulen e o custo da construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Na rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de Portavoces, os grupos detallaron que na sesión, que terá os próximos días 28 e 29 de xaneiro, comparecerá o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, para abordar a cobertura de formación de man de obra cualificada en sectores estratéxicos.

Ademais, na sesión de control, a líder do BNG, Ana Pontón, preguntaralle sobre as "privatizacións" na área sanitaria de Vigo tras a manifestación celebrada o pasado 16 de xaneiro na cidade; mentres que o portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, interpelaralle sobre as desigualdades que, segundo denuncian os socialsitas, "provocan os recursos nos servizos públicos".

DITAME DA COMISIÓN

O primeiro pleno do ano incluirá o debate do ditame da comisión de investigación sobre a contratación da Xunta, un órgano que mentres o portavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos, cre que serviu para "demostrar a xestión exemplar" levada a cabo pola Xunta, coincidiron ao criticar tanto socialista como nacionalistas.

Así, a viceportavoz socialista Elena Espinosa lamentou que "non servise para absolutamente nada" tendo en conta que o PP "non tivo a mínima intención" de que fose así, ao impedir "aclarar nada" sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro e "negar" o acceso á información sobre os contratos vinculados a xente relacionada co PP.

Pola súa banda, a viceportavoz parlamentaria do Bloque Olalla Rodil considerou que aínda que o PP pretenda "dar carpetazo" a este órgano sobre "os chanchullos do PP", a súa formación "non deixará de facer o traballo de oposición" e de "fiscalizar" o uso do diñeiro público por parte do PP e "as contratacións a dedo para beneficiar a un puñado de empresas que lle son amigas".

Na orde do día aprobado tamén figura o debate da totalidade do proxecto de lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, unha norma á que a oposición avanzou o seu rexeitamento por considerar que "supón un ataque frontal ao pluralismo e á liberdade de información" e que o PP asegura que "permitirá dar un paso adiante no intenso labor que desenvolve a CRTVG, que pasará a chamarse Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, na promoción, difusión e impulso do galego".

OUTRAS INICIATIVAS

Ao pleno os socialistas levarán, ademais, tal e como avanzou Elena Espinosa, unha moción para reclamar á Xunta un novo modelo de residencias de maiores públicas e de calidade. Tamén incluirá dúas proposicións non de lei para que se remita ao Parlamento a proposta de creación da Fundación Pública da Ciencia de Galicia, así como para garantir a xestión directa do Centro de Atención ás persoas con discapacidade de Ourense, un asunto que tamén incluirán os nacionalistas.

Ademais, presentarán dúas preguntas orais sobre as listas de espera no Hospital Álvaro Cunqueiro e a caída da produción marisqueira nas rías galegas, así como unha interpelación sobre a problemática que afecta o sector lácteo e a necesidade de construír un foro de colaboración e escoita co sector.

"CASTELAO, PRIMEIRO PRESIDENTE"

Pola súa banda, o BNG defenderá unha incitativa para o recoñecemento de Castelao como primeiro presidente de Galicia, unha cuestión que a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, define como un "acto de xustiza e memoria democrática" neste ano no que se conmemora o 75 aniversario do seu falecemento.

Na mesma proposta, o grupo nacionalista propón impulsar a súa reparación e instar á anulación do expediente de responsabilidades políticas ao que foi sometido, a súa rehabilitación como funcionario público e o recoñecemento do carácter "ilegal e inxusto" da incautación dos seus bens e obras polo fascismo.

Rodil, que avanzou que a sanidade centrará o traballo de face ao próximo pleno, criticou que o PP "vetase" a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para informar as medidas postas en marcha polo Sergas con motivo do Plan Galego de Saúde Invernal. Ante iso, a formación levará esta cuestión mediante unha interpelación.

O BNG tamén reclamará un modelo de coidados que garanta o dereito das persoas "antes que o negocio dun puñado de empresas" a través dunha moción para reclamar a xestión pública das residencias. Ademais, defenderá unha proposición non de lei para demandar a xestión pública directa do citado (CAPD) de Ourense.

INICIATIVAS DOS POPULARES

En fronte, o Grupo Popular presentará unha proposición non de lei para, ademais de insistir na transferencia da AP-9 a Galica, reclamar ao Goberno que libere a peaxe do tramo Vigo-Porriño desta autoestrada para mellorar a seguridade da A-55 e propoña novas alternativas ao novo trazado proposto da autovía das Rías Baixas pola "grave afección" que, segundo sinalou Alberto Pazos, esta iniciativa provoca nas parroquias de Vigo e Mos.

Os populares tamén pedirán á Xunta e ao Executivo estatal medidas orientadas á repotenciación de parques eólicos antigos que supoñan unha mellora ambiental e garantan un uso eficiente dos recursos.

"A repotenciación inclúe beneficios adicionais como a conexión á rede existente, un grao de aceptación pública probablemente máis elevado e o coñecemento do impacto ambiental que, en principio, é menor, ao reducirse o número de aeroxeradores de forma moi significativa", comentou o portavoz popular.

Os populares tamén formularán dúas preguntas orais ao Goberno galego. A primeira delas está relacionada coa situación das autoestradas de titularidade estatal, de forma que pide a valoración da Xunta sobre a subida de peaxes que se executou a principios de 2025. Pola súa banda, a segunda ten como obxectivo coñecer as melloras incorporadas pola Xunta no programa galego de cribado neonatal.

Reunión da Xunta de Portavoces
Reunión da Xunta de Portavoces | Fonte: PARLAMENTO DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta