Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2025 | Actualizada ás 14:57
O servizo de consultas sobre vivenda posto en marcha pola Xunta recibiu un total de 109 consultas en 2024, principalmente en relación con falta de pagamentos de rendas e ocupacións. Este martes, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou co presidente do Consello da Avogacía Galega, Francisco José Rabuñal, a renovación deste convenio que permite atender estas consultas, o cal incrementa a súa partida ata os 61.000 euros. Este asesoramento faise a través do chamado "teléfono antiocupación" operativo durante 24 horas (900 121 221) e a web do propio Consello da Avogacía Galega.
Hai un total de 135 letrados galegos que colaboran neste servizo de asesoramento e orientación xurídica para casos de cidadáns en risco de perder a súa vivenda por unha execución hipotecaria ou a propietarios afectados por ocupacións. O presidente do Consello da Avogacía Galega explica que as consultas realizadas céntranse fundamentalmente en falta de pagamento de rendas e na "secuela social da ocupación ilegal". Non entanto, aclara que os interesados "preguntan de todo" en materia de vivenda. Rabuñal recoñeceu que, "ao principio", a demanda deste servizo era "máis escasa", pero "ano tras ano" vai á alza. De feito, prevé que os recursos "sexan escasos" para atender as consultas.
MÁIS DE MEDIO CENTO DE MEDIACIÓNS
Este convenio, activo desde 2020, incluíu o ano pasado a novidade dun servizo de mediación, a través do Instituto Galego de Mediación e Arbitraxe (Ingalmar), entre persoas en risco de desafiuzamento e grandes tenedores de vivenda, coa atención a 53 casos en nove meses desde abril. O Colexio de Avogados de Pontevedra foi o que mediou en máis caso, cun total de 13; seguido de: Lugo, 12; Santiago, 8; Vigo, 6; Ferrol, 5; Ourense, 5; e A Coruña, 4. A conselleira queixouse de que esta mediación está incluída na lei estatal de vivenda e determina que "sexan as comunidades autónomas as encargadas de articular este procedemento", o que tacha de "un desvarío máis" desta norma que "carga aos propietarios coas obrigacións e desincentiva a posta no mercado de vivendas en réxime de aluguer".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.