Rueda agarda que "entre xaneiro e febreiro" Galicia poida xestionar de maneira "efectiva" o seu litoral

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou este martes a súa demanda ao Goberno central de que transfira "os medios e recursos necesarios" para facer "efectiva" a lei do litoral de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 21/01/2025 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou este martes a súa demanda ao Goberno central de que transfira "os medios e recursos necesarios" para facer "efectiva" a lei do litoral de Galicia. "Espero que entre xaneiro e febreiro podamos empezar a xestionar o noso litoral, de pleno dereito e con todos os medios", reivindicou no acto de presentación dunha nova rede de oficinas para asesorar sobre fondos europeos á cadea mar-industria, levado a cabo no Museo do Mar, en Vigo.

Alí, o líder autonómico lamentou que o Executivo non culminase o traspaso de competencias neste ámbito tras o acordo entre ambas as administracións fai máis dun mes. "Galicia é a comunidade con máis quilómetros de costa e levamos moito tempo combinando a vida económica coa preservación do noso medioambiente. Este ano ten que ser o ano do despregamento da xestión do litoral", reivindicou. Na súa intervención, o presidente galego destacou a nova rede de oficinas que, no Proxecto É-Mar, busca axudar ao sector á hora de aproveitar as oportunidades que ofrecen os fondos europeos.

Tal como dixo, son sete oficinas situadas en Viveiro, Ferrol, A Coruña, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo que estarán integradas por profesionais con experiencia en contratación pública. Nelas asesorarase de forma gratuíta a potenciais perceptores de fondos europeos. "Hai que aproveitar a oportunidade que supoñen estas axudas e será gratuíta para que este asesoramento se use ao máximo", engadiu. Así, referiuse ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura 2021-2027 (Fempa), que están dotados de máis de 6.100 millóns de euros, sendo España o principal perceptor con máis do 21 % do total, ata 1.120 millóns. Ademais, Galicia recibe máis dun 40 % da cantidade nacional.

GOLFO DE BISCAIA

Por outra banda, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, foi preguntado en Vigo polo veto europeo de pescar no Golfo de Biscaia, indicando que a frota galega está a sufrir nos últimos anos "consecuencias negativas" de decisións tomadas "sen ter os informes técnicos necesarios". El reivindicou o traballo dos profesionais do mar e as medidas tomadas polos mesmos para evitar "capturas accidentais" e insistiu na necesidade de analizar os aspectos socioeconómicos das decisións que se van tomar.

Alfonso Rueda no acto desta mañá
Alfonso Rueda no acto desta mañá | Fonte: PEDRO DAVILA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta