Por Alberto Quian | Vigo | 11/03/2016 | Actualizada ás 08:03
Galicia e Portugal queren reforzar os seus vínculos a través da ciencia. Oito entidades público-privadas da Eurorrexión, lideradas pola Universidade de Vigo, están a promover a creación do Instituto de Bioenxeñaría para o Envellecemento Saudable, IBEROS, unha proposta que xa foi presentada ao Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, POCTEP 2014-2020, coa intención de captar os 2,5 millóns de euros precisos para a súa posta en marcha.
Pío González, coordinador da Rede Galega de Biomateriais (RGB) e investigador da Universidade de Vigo, detalla o máis salientable deste proxecto no que se integrarán máis de 270 científicos das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, a Católica Portuguesa e Minho, así como do Instituto de Investigacións mariña do CSIC, a Fundación Profesor Novoa Santos, o Instituto Superior de Engenharia do Porto e o Instituto Nacional de Engenharia Biomédica.
- Como, cando e de quen xorde a idea xuntar recursos científicos entre Galicia e Norte de Portugal para promover a creación do Instituto de Bioenxeñaría para o Envellecemento Saudable?
- Esta iniciativa xorde a partir do núcleo promotor da Rede Galega de Biomateriais, creada en 2014 por seis grupos de investigación galegos (tres da Universidade de Vigo, dous da Universidade de Santiago de Composela e un do INIBIC-Coruña) e liderada pola Universidade de Vigo. Entre os seus obxectivos atópase a internalización e expansión da súa actividade cara a outras áreas da enxeñaría biomédica, sendo o ámbito natural a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e o campo de especialización, a bioenxeñaría para o envellecemento saudable.
- Cales son os obxectivos específicos deste proxecto?
- O obxectivo xeral de IBEROS é potenciar unha investigación e innovación de excelencia na Eurorrexión que contribúa a mellorar a calidade de vida e saúde da poboación, xerando ao mesmo tempo novos nichos de mercado e emprego estable.
Como obxectivos máis específicos pretendemos impulsar unha investigación orientada e colaborativa ao máis alto nivel internacional, incrementar a masa crítica investigadora multidisciplinar, intensificar a colaboración entre os membros de IBEROS, as institucións sanitarias e a industria da Eurorrexión, e implementar novas solucións de diagnóstico e tratamento de enfermidades asociadas ao envellecemento.
- Que potencial ten este proxecto?
- Existe un gran potencial investigador na Eurorrexión no ámbito da bioenxeñaría, con grupos punteiros e moi recoñecidos a nivel internacional. Este instituto pretende crear sinerxias e concentrar todo ese esforzo humano e económico, focalizándoo na procura de solucións aos retos sanitarios que se nos expoñen debido ao envellecemento da poboación.
- Tentarán captar 2,5 millóns de euros do POCTEP 2014-2020. Con que argumentos aspiran a convencer da viabilidade e vantaxes deste proxecto? E cando podería ser operativo?
- A parte máis importante do solicitado dedicarase a captar e reter talento investigador. Preténdense contratar nove investigadores senior, cun currículo brillante, que consoliden as liñas de investigación estratéxicas en bioenxeñaría orientada ao envellecemento saudable. Tamén se pretende fomentar e apoiar a formación de 45 investigadores noveis, mediante contratos curtos, para realizar os seus traballos de máster ou de doutoramento. Outras partidas dedícanse ao desenvolvemento de proxectos de investigación colaborativos, transferencia de resultados á contorna socio-económica e á comunicación.
Na nosa proposta está contemplado o inicio do proxecto para o último trimestre deste ano, se resulta financiado.
- A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal está a ser potenciada por transporte, alianzas económicas, iniciativas culturais, etc. Que sucede no campo da ciencia e que achegaría este proxecto á Eurorrexión?
Nos últimos anos, tamén en ciencia e tecnoloxía atopámonos con proxectos de investigación conxuntos de gran interese científico e relevancia socioeconómica. Existe, pois, unha tradición e cultura científica entre grupos de Galicia e o Norte de Portugal e tamén iniciativas como o Programa Iacobus que buscan estreitar eses lazos.
Este proxecto pode representar o impulso definitivo para a Eurorrexión como polo de excelencia investigadora en bioenxeñaría, cun elevado potencial de transferencia de resultados ao tecido empresarial no ámbito da saúde, e con repercusión na mellora socioeconómica da poboación.
- O futuro deste proxecto pasa única e exclusivamente polo POCTEP ou consideran outras vías alternativas ou complementarias para impulsalo?
Nestes momentos o programa POCTEP é a vía máis prometedora para levar a bo termo este Instituto. Con todo, estamos atentos a outras convocatorias do programa europeo que se axusten ao perfil da nosa proposta para presentar a nosa solicitude.
- Falar de plans a tres, catro ou cinco anos vista non parece o mellor escenario para o desenvolvemento científico e a consolidación de proxectos. Por que non se contemplan e promocionan máis proxectos a medio prazo?
- A visión dos organismos nacionais e europeos é bastante curta neste sentido e isto é un inconveniente. Os resultados en investigación precisan dun percorrido máis longo e sostido no tempo; para iso os fondos de financiamento deberían outorgarse para períodos acordes con esa dinámica.
- Que papel xogará cada un dos organismos implicados neste proxecto? De que maneira se organizarán?
- A nosa proposta é traballar en rede, mediante varios proxectos colaborativos que involucren a tres ou catro organismos en cada un. Desta forma establécense sinerxias e concentración de esforzos nunhas liñas de traballo específicas dirixidas cara ao envellecemento saudable, logrando así ser máis eficientes e unha maior especialización neste ámbito da bioenxeñaría. Non buscamos unha estrutura xerárquica liderada por unha institución, senón unha organización colaborativa entre pares.
- Integrar a 270 científicos parece un gran reto...
- É un proxecto moi ilusionante no que xa existen moitas colaboracións previas entre os grupos participantes. Neste proxecto preténdese un nivel de organización optimizado, incrementar o grao de colaboración entre os grupos e focalizar todos os recursos humanos e económicos cara a unha área máis concreta como é o envellecemento saudable.
- Cales serán as principais liñas de investigación e aplicacións?
IBEROS pretende desenvolver unha carteira de produtos tecnolóxicos que acheguen solucións ás enfermidades asociadas ao envellecemento como: osteoporose e fracturas atípicas (próteses e implantes con recubrimientos avanzados para mellorar a vida útil do paciente); osteoartrite, osteosarcomas, periodontite (novos biomateriales para rexeneración de óso e cartilaxe); enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer (sensores baseados en nanotecnoloxía para diagnóstico temperán); cancro e enfermidades reumáticas (nanopartículas e nanocápsulas con fins terapéuticos), e dexeneración de cartilaxe, artrose, desmineralización dental, cancro oral (instrumentación biomédica para o diagnóstico precoz).
- Cales son os avances máis destacados que se produciron no campo da bioenxeñaría e cales son os grandes retos? Que achegas se fixeron desde Galicia?
- Os grandes retos da bioenxeñaría oriéntanse cara a enxeñería de tecidos e a medicina rexenerativa. Para iso a bioenxeñaría achega tecnoloxías emerxentes como a nanotecnoloxía, os andamiaxes ou scaffolds e os materiais bioactivos.
Os grupos de investigación galegos involucrados neste proxecto achegan a este consorcio unha importante bagaxe de I+D, sobre todo nas áreas de nanotecnoloxía e biomateriais, entre outras. As súas investigacións inciden en aspectos clave de enfermidades asociadas á idade (neurodexenerativas, do aparello locomotor, reumatolóxicas...), polo que poden achegar solucións aos retos do envellecemento da poboación.
- Comentaba antes que pretenden atraer talento investigador e dar oportunidades a científicos noveis. Tardaremos moito en recuperar o perdido nestes anos de crise e de duros recortes tamén á ciencia, ou debemos ser optimistas?
- Sen dúbida, a perda de talento nestes últimos anos é un intanxible que nos vai custar moi caro nos vindieros anos. Seguimos vendo como os científicos formados nos nosos laboratorios se incorporan a grupos punteiros de centros e universidades estranxeiras cunhas condicións que fan que o seu pareza sexa imposible. Esa sangría aínda non se cortou; moitos falan dunha xeración perdida e témome que levan razón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.