Detido tras máis dunha trintena de roubos nas comarcas de Melide, Arzúa, Ulloa, Deza e Ordes

Entraba nos coches rachando as fiestras. Se non había nada que levar causaba desfeitas maiores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2025 | Actualizada ás 10:56

Comparte esta noticia

A Garda Civil detivo, no marco da Operación Cardeal, a un home ao que atribúe máis dunha trintena de roubos cometidos nas comarcas de Melide, Arzúa, Ulla, Deza e Ordes, e que xeraron unha gran alarma social nos municipios destas zonas.

Segundo informaron fontes da Comandancia da Coruña, os investigadores do Equipo ROCA de Santiago de Compostela vinculan ao sospeitoso coa comisión de 12 delitos de roubo ou furto de vehículos; 22 delitos de roubo con forza no interior de vehículos; 2 delitos de furto; e un delito contra a seguridade viaria (por conducir sen obter o carné).

Esta onda de roubos comezou en outubro pasado, e afectou os municipios de Boimorto, Arzúa, Curtis, O Pino, Frades, Oroso, Palas de Rei, Vila de Cruces, Lalín e, especialmente, Melide.

O detido aproveitaba as últimas horas da tarde e os descoidos dos propietarios para subtraer vehículos coas chaves postas, e logo abandonábaos en Melide. Os coches roubados eran utilizados para a comisión doutros roubos noutras zonas, lugares pouco transitados, onde o sospeitoso accedía ao interior de coches estacionados.

DANOS EN VEHÍCULOS

Segundo a Garda Civil, utilizaba un martelo de emerxencia para fracturar os portelos e así accedía ás guanteras dos coches para levar os obxectos de valor. Se non atopaba nada, causaba danos innecesarios e de forma indiscriminada, rompendo todos os portelos e causando danos no interior.

Ademais, atribúenselle dous furtos de gasoil, para o que utilizaba unha garrafa de plástico e unha mangueira, para encher os vehículos subtraídos.

Efectos intervidos a un detido en Melide ao que lle atribúen 37 roubos cometidos en varios municipios
Efectos intervidos a un detido en Melide ao que lle atribúen 37 roubos cometidos en varios municipios | Fonte: GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta