18 adegas da D.O. Valdeorras presentes na 'Barcelona Wine Week'

O evento terá lugar na cidade condal do 3 ao 5 de febreiro na Fira de Barcelona de Monjuïc. Sera a 5ª edición deste evento que reúne a máis de 1.200 adegas do estado.

Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 02/02/2025 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A D.O. Valdeorras estará presente na Barcelona Wine Week deste ano con 18 adegas e achegando 36 referencias, das que 26 serán viños brancos e 10 viños tintos.

Acio de uvas nunha viña da D.O. Valdeorras
Acio de uvas nunha viña da D.O. Valdeorras | Fonte: Foto: Prensa CRDO Valdeorras - Arquivo

O evento desenvolverase en Monjuïc, concretamente na Fira de Barcelona, e acollerá, do 3 ao 5 de febreiro, a quinta edición deste evento que volverá a congregar á maior oferta vitivinícola de España, con máis de 1.200 adegas participantes. Ademais, este 2025 dará o salto a dous pavillóns, crecendo un 38% en superficie feiral ocupada, alcanzando 10.000 m², e un 33% en cifra de adegas presentes no evento.

Jorge Mazaira, director técnico da D.O. Valdeorras, opina respecto deste encontro vitivinícola que “estano facendo moi ben, porque a adicación exclusiva ao viño fai ao evento moito máis atractivo”. Desta forma, afirma, “non hai o estrés doutras feiras, e se agora pasamos dun pavillón a dous, iso da moito máis servizo; se hai máis de mil adegas apuntadas, iso ten un significado”.

A valdeorresa estará presente xunto con outras 81 denominacións de orixe e outros selos de calidade. De feito, o Consello Regulador estivo presente desde a primeira edición “porque é un evento que consideramos suficientemente importante como para seguir asistindo, porque se lle da protagonismo ao viño”, afirmou Mazaira.  

OUTROS EVENTOS PRÓXIMOS

En Barcelona arranca o tour dos viños de Valdeorras neste 2025, que estarán presentes nos tres eventos máis destacados do mercado nacional. Ademáis da Barcelona Wine Week, que se celebra do 3 ao 5 de febreiro, o Consello Regulador acudirá ao 38º Salón Gourmets de Madrid do 7 ao 10 de abril e á 13ª edición de Fenavin, a Feira Nacional do Viño, que se celebrará do 6 ao 8 de maio en Ciudad Real.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta