O PSdeG acusa ao PP de "atrancar" o uso do galego en Europa

Os socialistas interpelarán ao conselleiro de Cultura no próximo pleno para que explique cal é a súa posición ante "este novo veto".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2025 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Galicia acusou ao Partido Popular de "atrancar o uso do galego en Europa mentres en Galicia o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "fai propaganda" cun pacto pola lingua "sen garantir compromisos reais". Así o denunciou este xoves o secretario xeral do PSdeG e portavoz no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, que compareceu ante os medios acompañado pola deputada Silvia Longueira. Ademais, na rolda de prensa participou o eurodeputado socialista Nicolás González, quen se conectou vía videoconferencia.

Na comparecencia, os socialistas censuraron a actitude do PP ao "bloquear" o recoñecemento do galego como lingua oficial en Europa, mentres en Galicia "fan propaganda cun suposto pacto". Besteiro sinalou que o PP demostra, "unha vez máis, que non ten ningún interese en defender o galego". "En Bruxelas, o seu vicepresidente no Parlamento europeo, Esteban González Pons, seguindo a liña marcada por Feijóo, segue pondo trabas á oficialidade do galego. Xa o fixeron no Congreso e no Senado, e agora repíteno en Europa", afirmou. O portavoz socialista esixiu a Rueda que aclare "se vai defender o galego ou se vai seguir consentindo o veto do seu partido en todas as institucións".

Na rolda de prensa e conectado desde Bruxelas, Nicolás González Casares lembrou que o Parlamento Europeo xa permite a interpretación en varias linguas oficiais dos Estados membros, pero que o galego "segue sen ese dereito". "Isto non é unha cuestión técnica, é unha cuestión de dignidade e de igualdade de dereitos", afirmou. "O Goberno de España impulsou este recoñecemento para as tres linguas cooficiais, e os gobernos vasco e catalán apoian activamente a medida. O único que cala e pon escusas é o Goberno de Galicia", engadiu. Pola súa banda, Silvia Longueira incidiu na necesidade de que a Xunta tome medidas concretas e non se limite a facer anuncios sen contido real. "O galego non necesita máis palabras baleiras. Necesita accións. A Xunta ten que esixir publicamente ao seu propio partido que deixe de pór trabas ao galego en Europa e dirixirse formalmente ás institucións comunitarias para apoiar a súa oficialidade no Parlamento Europeo", sostivo.

O secretario xeral do PSDEG, José Ramón Gómez Besteiro, en rolda de prensa
O secretario xeral do PSDEG, José Ramón Gómez Besteiro, en rolda de prensa | Fonte: PSDEG

Ademais, Longueira avanzou que o Grupo Socialista interpelará ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para que explique cal é a súa posición ante este novo veto do PP e se vai asumir algún compromiso real para reverter a situación. "Queremos unha resposta clara. Non valen máis escusas nin evasivas. A Xunta ten que defender o galego sen ambigüidades", concluíu. O Grupo Socialista considerou que o PP está "a boicotear" a promoción do galego, tanto dentro como fóra de Galicia, e que "así non hai pacto posible, só propaganda".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta