Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/02/2025 | Actualizada ás 14:24
O secretario xeral técnico e do Tesouro, David Cabañó, reiterou, ante unha pregunta do BNG en comisión parlamentaria, que "Galicia non ten un problema de débeda", por tanto non é a súa "prioridade" a proposta de condonación do Goberno central. Con todo, asumiu que "poida que o sexa" para outras comunidades autónomas. En comisión, a nacionalista Noa Presas replicou ao responsable autonómico reprochándolle a "posición de pasividade" da Xunta, á que pediu que "negocie" as entregas a conta, as condicións "para unha quita" e un sistema de financiamento que favoreza a Galicia.
Respecto diso da condonación da débeda, reclamou ao secretario xeral que "non se poñan de perfil desexando que sexan condicións que penalicen a Galicia". Pola súa banda, Cabañó rexeitou entrar en algo que enmarca "no xogo" do Goberno central "desviando a cuestión" con temas "que non son a prioridade para Galicia". "Poida que o sexa para outras comunidades, pero non para Galicia", incidiu. Ademais, "a débeda non desaparece, simplemente se resdistribúe, e é mal negocio para Galicia", aseverou.
Nesta liña, expuxo que "isto da condonación non é unha verdadeira condonación porque a débeda non desaparece, vai haber que pagala igualmente". "Os de territorios menos endebedados sairán claramente prexudicados porque lles vai corresponder unha cantidade alícuota maior", argumentou. Neste sentido, censurou que "se está falando dunha mutualización do endebedamento, dunha redistribución", xa que "de individual de cada comunidade (a débeda) vai pasar a ser colectiva".
Por iso, demandou "que non se produzan agravios comparativos" e isto "máis aló" dos "riscos reputacionais", ao entender que a quita "non lanza mensaxes moi edificantes e incentiva o futuro incumprimento". A maiores, indicou que "hai outras medidas" para producir "alivios" nas cargas financeiras das comunidades e esixiu "partir do principio de absoluta equidade". Por último, xa no peche da súa intervención, o secretario xeral incidiu en que o "prioritario" e "primordial" para a Xunta é "negociar un modelo de financiamento que teña en conta as variables que determinan" un custo "superior" de financiar os servizos públicos en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.