O conselleiro de Sanidade pide desculpas polas súas palabras "pouco apropiadas para un conselleiro"

Insiste na necesidade de formar porque "a xente maior non é parva": "Ao contrario, se lle explicas as cousas, vainas a facer".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 06/02/2025 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, recoñeceu este xoves "o pouco apropiadas" que foron as súas palabras cando afirmou na pasada xornada, en Vigo, que os maiores manexan a aplicación móbil do Servizo Galego de Saúde (Sergas) "que te cagas", ademais de salientar a súa postura con outra expresión que lle valeu duras críticas: "E unha merda". Nunha visita a Lugo, o conselleiro xustificou que estas expresións" se lle escaparon "no fragor do discurso" e agregou que "non son palabras apropiadas para un conselleiro". Asegurou que a súa intención era salientar a capacidade dixital dos maiores porque "non todos teñen esa capacidade, pero que a maioría si".

"Son un ser humano e os seres humanos cometemos descoidos, o que hai que facer é recoñecelo, asumilo e seguir para adiante", agregou. Sobre o éxito da aplicación, reiterou que "a capacidade dixital dos maiores é moi importante" e, se non a teñen, hai que formalos "porque está claro que a medicina do futuro vai cara ao dixital". Insistiu na necesidade da formación porque "a xente maior non é parva". "Ao contrario, se lle explicas ben as cousas, vainas a facer", contrapuxo. Caamaño insistiu en que son precisamente os maiores os máis interesados nesa formación, "xa que a maior parte de pacientes son xente de idade avanzada".

CONSULTAS PISCOLÓXICAS GRUPAIS

O conselleiro tamén se referiu ao balbordo que orixinaron as declaracións feitas este mércores en Vigo sobre a intención de facer consultas grupais de psicoloxía, asegurando que "non se entendeu ben". E explicou que a intención é montar unha rede de psicólogos clínicos, dependentes dos hospitais pero en atención primaria. "A día de hoxe non temos a capacidade de pór un psicólogo para cada centro de atención primaria", incidiu, antes de concluír que iso non impedirá a atención con medidas "que están faladas cos propios psicólogos clínicos". "Haberá casos nos que se poida atender cunha terapia grupal, como se fai noutros sitios, e outros, os que non poidan ser atendidos desta forma, irán a unha terapia individual", concluíu.

Caamaño durante a súa intervención
Caamaño durante a súa intervención | Fonte: PEDRO DAVILA

SEGURIDADE

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, lamentou de novo nesta xornada a agresión rexistrada o luns no Complexo Hospitalario Universario da Coruña (Chuac), onde un enfermeiro e un garda de seguridade foron agredidos con arma branca por un paciente. En Lugo, Caamaño engadiu que "grazas a deus non pasou nada realmente grave" e insistiu na necesidade de "avaliar os protocolos de principio a fin, ver unha causa-raíz, analizala e saber realmente o que pasou, e a partir de aí tomar medidas".

Tamén asegurou que o compromiso "é total" para que "o persoal sanitario traballe nas mellores condicións posibles". O conselleiro de Sanidade recalcou que "a Xunta velará sempre pola saúde e seguridade de todos os seus sanitarios". "Os nosos esforzos van precisamente cara a esa protección", apostilou.

Segundo os datos difundidos o ano pasado pola Policía Nacional, relativos ao exercicio de 2023, no conxunto de España tramitáronse 315 denuncias por agresións contra o persoal sanitario, un 30% máis que en 2022. Os datos reflectían un total de 16 denuncias tramitadas en Galicia, coa Coruña como provincia galega con máis casos (8), seguida de Lugo (4), Ourense (3) e Pontevedra (1).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta