Por Galicia Confidencial | Galicia | 23/01/2009 | Actualizada ás 22:13
A Fundación Lydia Cacho nacía o pasado mes de outubro, para "ofrecer apoio e axuda a todas aquelas persoas perseguidas ou en situación de perigo polo seu traballo de denuncia contra a corrupción e a impunidade a favor dos dereitos humanos". Este mércores presentáronse en Compostela unha serie de actividades que pretenden dar a coñecer o seu traballo por todo o Estado; ademais de recadar fondos para esta "causa xusta", coma a definiu o presentador do concerto na Sala Nasa, o gran Quico Cadaval, que ilustrou a loita de Lydia e deu argumentos na súa defensa. Os primeiros fondos que consiga a Fundación irán destinados a financiar aos avogados da xornalista mexicana no Tribunal Internacional da Haia.
"¿Quen defende aos nosos defensores?" dicía o cartel do concerto de onte. Chovía a mares en Compostela, aínda así a Nasa estaba a estoupar. A proposta, variada e a gusto de todos. Kimuru, Víctor Coyote, The Homens e The Ellas xuntaron forzas a favor desta causa común. As actuacións non defraudaron e encheron a noite de reivindicación e boa música, que non deixa de ser unha das mellores formas de loita. "Ola a todos, Lydias e Lydios, Cachos e Cachas!", saudou Tosar, voz de The Ellas, antes da actuación do seu grupo, a última da noite.
Deixamos a Nasa antes de tempo, cando aínda se podían escoitar na rúa os últimos acordes de The Ellas mesturados coa choiva, que seguía caendo a mares, cousas de ir a un concerto con xornalistas que madrugan. Xa só escoitabamos a choiva cando de súpeto, logo de psar un coche que nos enchoupou, volveu soar algo, ao lonxe. A música non acabara e o público cantaba a mítica "hey hey whats going on", para lembrarnos que hai quen prefire non calar. E intentar loitar porque melloren as cousas. A pesares de todo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.