O xuízo polo alixo do MV Karar encara a súa recta final: o mércores chegarán as súas conclusións

O barco foi abordado en abril de 2020, en plena pandemia, e no seu interior localizáronse 152 fardos con case 4 toneladas de cocaína.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2025 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

O macroxuízo polo alixo de 3,8 toneladas de cocaína, transportadas a bordo do buque MV Karar encara a súa recta final despois de case 10 meses, coa presentación das conclusións a partir deste mércores. Así, os primeiros serán a Fiscalía e a Avogacía do Estado. No banco sentan 28 acusados (outra persoa máis estivo investigada, pero faleceu antes de que se iniciase a vista), entre os que están o arousán Juan Carlos Santórum e varias persoas da súa contorna, ademais dun contructor naval, un cidadán colombiano, un ex funcionario de Aduanas e a súa muller, e os 15 tripulanes do Karar (5 cidadáns de Bangladesh, 9 de Nepal e un galego).

O barco foi abordado en abril de 2020, en plena pandemia, e no seu interior localizáronse 152 fardos con case 4 toneladas de cocaína. O xuízo por este narcotransporte iniciouse, despois de varias suspensións, a mediados de abril de 2024, na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo. Desde entón, ante o tribunal compareceron decenas de testemuñas e peritos. Entre os acusados, algúns accederon a prestar declaración ante a sala: varios deles, como o cidadán colombiano, o construtor naval, ou o exfuncionario de Aduanas e a súa muller, negaron a súa relación cos feitos.

Pola súa banda, todos os tripulantes do MV Karar, incluíndo o acusado galego que viaxaba a bordo para controlar a mercadoría, admitiron que o barco saíu de Panamá e, días despois, recolleu a cocaína fronte ás costas de Colombia. Mentres tanto, Juan Carlos Santórum como outros seis acusados da súa contorna (todos defendidos pola mesma letrada, Carmen Ventoso), negáronse a prestar declaración, alegando que non se lles permitiu falar ao final do xuízo, aínda que proclamaron a súa inocencia. Ao longo dos últimos dez meses, as declaracións das testemuñas policiais permitiron coñecer, entre outras cuestións, que o construtor naval e o propio Santórum xa estaban a ser vixiados pola Policía desde meses antes da abordaxe do Karar, ou que o arousán, que presumía nas súas conversacións de ter a axentes comprados, recibiu un 'sopro' horas antes da abordaxe do barco.

Un dos momentos máis tensos do xuízo viviuse a mediados de decembro, cando se produciu a declaración dun ex xefe de Policía (actualmente investigado por un xulgado de Murcia pola súa presunta vinculación co narcotráfico), que coordinou a investigación en terra polo alixo do Karar. Durante a súa declaración, a presidenta da sala expulsou a Juan Carlos Santórum e a outros dos acusados, por chamar "corrupto" e "narcopolicía" a esta testemuña. A Fiscalía pide para Santórum, polos supostos delitos de tráfico de drogas e pertenza a organización criminal, penas que suman 18 anos e medio de prisión, e para o resto de acusados, penas que suman 13 anos e medio de cárcere (dous anos máis para un deles por tenencia de armas). No caso do ex axente de Aduanas e a súa muller, a petición de pena elévase a 19 anos e medio de cárcere, porque tamén lles atribúe un delito de branqueo.

Juan Carlos Santórum, ante o tribunal da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra
Juan Carlos Santórum, ante o tribunal da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta