Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 14/02/2025 | Actualizada ás 20:00
O vindeiro sábado 15 de febreiro ás 17.00 horas, todos aqueles preocupados polo devir da educación en Galicia teñen unha cita na escola unitaria de Taboexa (As Neves). Celebrarase o primeiro encontro de 'Orgullo de unitarias', un proxecto comunitario e multidisciplinar organizado pola Escola Infantil de Taboexa que busca visibilizar o valor e os retos da escola unitaria rural galega, un modelo con profundas raíces no pasado e hoxe á vangarda da educación infantil.
O encontro consistirá nun conxunto de charlas e un coloquio moderados pola poeta Mar Míguez nos que participarán o Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade de Santiago de Compostela e mestras responsables das escolas unitarias de Taboexa (As Neves), Rubiós (As Neves) e do Colexio Rural Agrupado Antía Cal (Gondomar). Durante o coloquio tamén haberá representación da Comunidade de Montes de Taboexa, o equipo de alcaldía das Neves e a administración autonómica, dentro da necesidade dos participantes de expoñer aos seus representantes institucionais e outros axentes da contorna as necesidades actuais deste modelo educativo constantemente ameazado e articular unha estratexia conxunta que free o seu desmantelamento.
"Cada ano pechan da orde de dez escolas unitarias en Galicia e a este paso en 15 anos desaparecerán", conta Karina Mouriño, mestra responsable da escola unitaria de Taboexa, quen explica tamén como "a escola unitaria ofrece unha educación máis individualizada, máis achegada ás familias, cunha vinculación estreita co territorio, en edificios históricos de arquitectura amable e co valioso recurso educativo do plurigrado, unhas características que ademais facilitan implementar cambios metodolóxicos e innovar".
A poucas semanas de iniciarse o período de solicitude de praza nos centros educativos galegos para o próximo curso 2025-2026, esta xornada é tamén unha oportunidade para que as familias galegas se acheguen a coñecer de primeira man o modelo pedagóxico que ofrecen as escolas unitarias rurais e poidan plantexar as súas preguntas ás mestras responsables e a outras familias que xa optaron por este modelo. A entrada será libre ata completar aforo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.