Estas son as entidades públicas e empresas que sustentaron a El Correo Gallego mentres se afundía (Parte I)

Un informe elaborado pola UDEF recolle as empresas, moi variadas, que fixeron aportacións monetarias a El Correo Gallego cando estaba case en quebra técnica. Algunhas foron por concesión directa de préstamos e outras por acordos publicitarios ou patrocinios. Nesta primeira parte analizamos varios préstamos e ingresos, estes rapidamente eran derivados a outras moitas para eludir o pago de débedas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 10/02/2025 | Actualizada ás 21:52

Comparte esta noticia

A caída aos infernos do grupo El Correo Gallego non chegou tan rápido como pode pensarse. Antes de entrar en concurso de acreedores, no ano 2021, o grupo xa estaba afundido economicamente, pero mantíñase conectado por sonda a varios respiradores que retrasaban a súa inevitable morte. E eses respiradoras chamábanse préstamos, decenas e decenas de préstamos millonarios que eran ingresados nalgunha das 84 contas das que dispoñían a nome das empresas que integraban o conglomerado de Editorial Compostela ou dos seus propietarios e xestores. Dende elas, estes cartos eran logo redistribuídos a outras contas. Redistribución que non dependía tanto dos pagos que estivesen pendentes de facerse a traballadores, proveedores ou devolucións de préstamos, senón máis ben ao intento de esquivar o pago das débedas contraídas, que non paraban de incrementarse a cada ano que pasaba. Deste xeito, lograron manter o buque 'a frote' varios anos antes da entrada en concurso de acredores, aínda que o de 'a frote' habería que preguntarllo a todos eses traballadores que pasaron meses e meses sen cobrar. 

Distintas cabeceiras de El Correo Gallego
Distintas cabeceiras de El Correo Gallego | Fonte: Arquivo

Pero, quen foron as administracións e empresas que aportaron fondos a esta causa perdida? Galicia Confidencial, analizando o informe sobre o caso elaborado pola Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF), pertencente á Policía Nacional, fai un repaso por moitas delas, moi variadas e con diferentes aportacións á causa perdida, dende a Xunta ata grandes empresarios con moita sona na nosa terra e fóra dela. É preciso lembrar que o grupo estaba integrado polas empresas Editorial Compostela, Código Televisión, Anova Multiconsulting, CTV, Agrupación Deportiva El Correo Gallego e Think First. Aínda con todo, os investigadores concluíron que todas estas empresas respostan a unha única realidade, sendo a separación formal unha distinción artificial con fin de eludir responsabilidades, tanto ante os organismos públicos como ante os propios traballadores. Ademais, tamén sinalan que se aprecia todo un entramado societario interposto entre as empresas e os clientes finais que reciben os seus servizos. Entramado ao que, co paso do tempo, fóronse sumando novas sociedades, 'sociedades limpas', segundo sinala a UDEF. Deste xeito, os cartos, independentemente da conta na que se ingresasen nun comezo, eran case inmediatamente derivados a outras baixo a titularidade dalgunha das outras empresas.

XUNTA, IGAPE E XESGALICIA CONCEDERON PRÉSTAMOS E FIXERON INGRESOS MILLONARIOS EN CONTAS BAIXO A TITULARIDADE DE EDITORIAL COMPOSTELA

En primeiro lugar habería que falar do feixe de cartos inxectado pola Xunta de Galicia durante a etapa de Feijóo como presidente da Xunta e Mar Sánchez Sierra como secretaria xeral de Medios. Nalgunhas das contas, a detallada análise dos investigadores da UDEF permitiu observar que as transferencias por parte do Goberno galego non só chegaban da Xunta de Galicia como tal, senón tamén de organismos públicos asociados ao Goberno galego, entre eles, do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) ou a TVG. Como se recolle no informe, dende xullo de 2013 e ata decembro de 2018 aparece o pago dun préstamo de 3 millóns de euros ás empresas Think First e Editorial Compostela cuxos avalistas son José Manuel Rey Novoa, María Fátima Otero Bouza e o IGAPE. Tamén aparece neste informe policial a referencia a un préstamo ordinario con garantías por valor de 2,5 millóns de euros que Editorial Compostela recibe do Fondo Galicia Compite FICC, un instrumento financieiro xestionado por XesGalicia, a sociedade xestora do capital de risco da Xunta. Fondo que, en teoría, está deseñado para apoiar proxectos empresariais promovidos por novos emprendedores, empresas de nova creación con perspectivas de crecemento e aquelas que desenvolvan actividades innovadoras ou apliquen novas tecnoloxías. 

Centrandose unicamente na Xunta, hai que ter en conta que o Goberno galego realiza periodicamente unha asignación de cartos a uns poucos medios de comunicación galegos. O criterio de reparto baséase principalmente na difusión de cada medio, deixando logo a interpretación o emprego que estes medios fan do galego nos seus contidos, entre outros factores menos determinantes. Neste senso, por aquelas datas, El Correo Gallego contaba cunha tirada aproximada de 6.000 exemplares e adicaba algunha que outra páxina perdida polo medio do xornal ao galego, sendo moi residual o emprego desta lingua no medio. Aínda con todo, a Xunta ingresou máis de 400.000 euros a unha das súas contas baixo a titularidade de Editorial Compostela. E, máis aló da Xunta e das súas derivadas, os investigadores tamén recollen un montante final de cartos ingresados en contas de Editorial Compostela procedentes de deputacións provinciais, concellos, fundacións e empresas públicas, aínda que sen detallar cales son. Así, nunha das contas do grupo figuran transferencias por valor de máis de 530.000 euros procedentes destes organismos públicos, propablemente, do Concello de Santiago e concellos da área de Compostela, así como da Deputación da Coruña.

DE VISUALIZA BUSINNESS, CON JOSÉ RAMÓN GARCÍA Á FRONTE; A CANDEA INDUSTRIAS, FUNDADA POR UN ANTIGO PROPIETARIO DE EDITORIAL COMPOSTELA

Deixando a un lado as administracións públicas e pasando aos préstamos realizados por empresas privadas, a variedade está servida. Así, atopamos algunha que outra curiosidade digna de resaltar. Por exemplo, Visualiza Business --empresa especializada en solucións de 'data warehouse' e 'business intelligence'--, cuxo administrador único é José Ramón García González (confundador da antiga BluSens), quen estaba detrás dunha das ofertas realizadas para a compra de Editorial Compostela, estivo realizando importantes inxeccións de cartos de maneira case periódica en moitas das contas do conglomerado. Algunhas desas transferencias a conta levaban o concepto asociado de 'préstamo'. As contías que os investigadores detallan falan de transferencias por un total de case 1,25 millóns de euros. Con todo, Visualiza Business obtivo a través de Código Televisión diferentes contías que a CRTVG destinaba a esta produtora audiovisual para a realización de varios programas, entre os que se poden citar 'SoanCampás' ou '48 horas para o si'.

Por outra banda, no informe da UDEF tamén aparece o nome da empresa Candea Industrias Plásticas --especializada na fabricación de produtos plásticos, cun enfoque particular en solucións para a proteción electrostática--. Detrás desta marca estaría Feliciano Barrera, o seu fundador no ano 1965 e, casualmente, antigo propietario de Editorial Compostela. Baixo o nome de Inversiones Feliciano Barrera ingresou en contas pertencentes ao conglomerado de El Correo Gallego case 590.000 euros. Curiosamente, os investigadores detallan que no concepto dalgunha das transferencias se fai mención ao pago dunhas facturas a nome de Suez Spain, grupo que aglutina empresas adicadas ao ciclo integral da auga e ao medio ambiente, entre as que se atopaba Viaqua, Xestión Integral de Augas de Galicia.

FERBAL AGRÍCOLA, INDUPANEL, DISASHOP E O EMPRESARIO RICARDO ASENSI FAJARDO, RESPONSABLE TAMÉN DA ETT COA QUE TRABALLABA 'EL CORREO'

Entre outras empresas que tamén se mencionan puntualmente no informe realizado pola UDEF como prestamistas de cartos ingresados en diversas contas de Editorial Compostela tamén aparecen Ferbal Agrícola --con sede en Madrid e adicada principalmente ao cultivo de arroz, aínda que tamén realiza outro tipo de actividades agrícolas, gandeiras, forestais e minerais--, que prestou 500.000 euros a Editorial Compostela; Indupanel --fundada no 2000 en Carballo e especializada no deseño e fabricación de paneis decorativos para portas de entrada e paneis sándwich en aluminio e PVC--, que prestou 100.000 euros en novembro de 2018 e outros 300.000 para facer fronte a unha débeda con Corporación Bermont --grupo empresarial español cuxa principal actividade se centra en ofrecer servizos de impresión para os principais grupos editoriais europeos--; e Disashop --fundada no 2003 en Oleiros e especializada na distribución de produtos prepago para móbiles e solucións tecnolóxicas baseadas en plataformas trasaccionais de alta dispoñibilidade--, que prestou 100.000 euros. A estas empresas habería que sumar outros préstamos máis pequenos chegados dende Extrusionados Galicia (10.000 euros), Amiocar (5.000) ou Gerosalud (5.000), entre outros.

Mención especial merecen tamén un grupo de empresas que realizaron préstamos a Editorial Compostela e cuxo administrador único é Ricardo Asensi Fajardo, a persoa que estaba detrás da Empresa de Traballo Temporal (ETT) coa que El Correo Gallego contrataba a mozos e mozas que comezaban a súa andadura no mundo da comunicación, moitos dos cales pasaban anos contratados baixo esta modalidade e, ao igual que o resto do plantel, sen cobrar durante varios meses. Ademais, este empresario tamén estaría relacionado con Ángel María Remesar Zabaleta (xerente do xornal), pois unha das empresas de Ricardo contrata a un dos seus fillos. Así, vinculadas a este empresario aparecen ingresos de empresas como Asemali Inversiones --sociedade limitada con sede en Vilagarcía de Arousa adicada á compravenda e aluguer de bens mobles e inmobles, así como á xestión e administración de propiedades inmobiliarias--; ou Siglo XXI Servicios --empresa española adicada á xestión e tramitación de sinistros para compañías aseguradoras--, que realizou ingresos con beneficiario Código Televisión, sendo o seu único socio Inversiones, Outsourcing y Publicidad S.L., cuxo administrador único era tamén Ricardo Asensi Fajardo. O importe total destes traspasos ascende a case 124.000 euros.

DEUDA CONDONADA POR ABANCA E APOIO DAS SGR SOGARPO E AFIGAL

Aínda con todos os préstamos recibidos, El Correo Gallego estaba aqueixado polas débedas. Recibindo tantos cartos e sendo estes derivados logo a múltiples contas dende as que retornaban, en menor medida, ás de partida, o entramado de actuación era realmente complexo como para chegar a entender dunha ollada por que estes ingresos millonarios non foron suficientes para sanear as contas do grupo. Intereses persoais? Desviación de fondos? Apropiación indebida? Mala xestión?, pregúntanse os investigadores. Sexa como fose, a débeda que máis apretaba a Editorial Compostela era a contraída con Abanca, o seu acredor, que representaba aproximadamente o 85 % dos seus compromisos financieiros. Con todo, a entidade financieira acordou condonar ao grupo algo máis de 700.000 euros, é dicir, liberou a Editorial Compostela da obriga de ter que pagar esa cantidade porque vía que non podía facerlle fronte. Cómpre lembrar que no 2017 a grave crise económica que xa enfrontaba El Correo Gallego obrigoulle a vender a súa sede na rúa compostelá do Preguntoiro e os seus activos para saldar parte da débeda que xa tiña con Abanca.

Así mesmo, no informe da UDEF tamén aparecen mencionadas dúas Sociedades de Garantía Recíproca (SGR): Sogarpo e Afigal, entidades financieiras sen ánimo de lucro suxeitas á supervisión e inspección do Banco de España que posibilitan o acceso ao crédito en mellores condicións de prazo e de tipo de interese ás pemes e autónomos, conseguindo financiación para os seus proxectos. As SGR están constituídas por socios partícipes, pequenas e medianas empresas, pemes que son as beneficiarias do seu aval, así como por socios protectores que son institucións que aportan recursos á SGR, mellorando a súa solvencia, sen dereito a solicitar garantías. No caso concreto de Sogarpo, os seus socios son: Xunta de Galicia, Igape, Deputación de Pontevedra, Deputación de Ourense, Abanca, Banco de Sabadell, Banco de Santander, Caixa Rural Galega, cámaras de comercio, confederacións e asociacións empresariais. No caso de Afigal os socios son: Xunta de Galicia, Igape, Deputación da Coruña, Deputación de Lugo, Concello de Lugo, Abanca, Banco de Sabadell, Banco de Santander, Caixa Rural Galega, cámaras de comercio, confederacións e asociacións empresariais. Estes avalistas terían apoiado con 609.000 euros a Editorial Compostela.

AGRUPACIÓN DEPORTIVA EL CORREO GALLEGO RECIBIU PRÉSTAMOS DE VISUALIZA BUSINESS E ACCA MEDIA, CON J.R. GARCÍA E M.Á. TOBÍAS Á FRONTE

No tocante ás contas de Agrupación Deportiva El Correo Gallego, os investigadores lograron detallar a procedencia de transferencias e traspasos por valor de máis de 1,85 millóns de euros, o 91,6 % deles chegados de operacións de préstamo e financiación. Nestes préstamos novamente volve saír relocer o nome de José Ramón García González e da súa empresa Visualiza Business, pero tamén o de Miguel Ángel Tobías --destacado produtor, director, guionista, actor e presentador español, especialmente recoñecido por ser o creador do exitoso programa de televisión 'Españoles por el Mundo'-- e a súa empresa Acca Media, sendo este tamén a cabeza visible desa oferta que chegou para mercar El Correo Gallego cando este entrou en concurso de acredores. Así, Visualiza Business fixo a contas baixo a titularidade de Agrupación Deportiva El Correo Gallego unha transferencia de 439.000 euros sen concepto algún en xuño de 2019; mentres que Acca Media fixo 10 transferencias en concepto de 'préstamo' todas elas por valor de 420.000 euros.

Con todo, non foron eles os únicos que realizaron ingresos de cartos en contas baixo esta titularidade. O informe tamén detalla transferencias de Krone Consulting --especializada en servizos de aseguramento da calidade e probas de software--, por valor  de 380.000 euros derivados de tres transferencias en xuño e agosto de 2021, unha en concepto de 'protocolo' e outras dúas en concepto de 'adianto parcial de disposición de préstamo'; de Finvir --plataforma en liña que proporciona ferramentas de análise e visualización financieira para inversores e traders--, cuxo administrador único é Arsenio Olmo Chaos, por valor de 225.000 euros derivados de tres transferencias en xuño, agosto e setembro de 2021; e Centauro Tarjet --adicada á creación, xestión, promoción, operación e administración de centros especializados no benestar integral--, cuxo adminitrador único é Romualdo Soriano Medina, que fixo unha transferencia en agosto de 2021 en concepto de 'pago parcial de préstamo' por valor de 45.000 euros. Ademais, tamén hai constancia doutro préstamo de 100.000 euros chegado dende Blecua Capital --adicada ao desenvolvemento de formatos audiovisuais interactivos e servizos e contenidos que requiren o uso de dispositivos de telecomunicacións--, cuxo socio e administrador único é Luis Enrique Dueñas Fernández.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Acceder a esta información pormenorizada de como os cartos públicos forman parte dun entramado digno de calquera narcotraficante e saber que algunhas empresas chamadas "xornais" son un pozo sen fondo para tragar subvencións que nin siquera chegan a pagar as nóminas dos traballadores e ninguén pide responsabilidades... Coñecer estas prácticas nos leva a valorar e moito a información do Galicía Confidencial (que ogallá podamos disfrutar por moitos anos!) https://www.galiciaconfidencial.com... Os periódicos do réxime son os que comen os cartos a cambio de titulares...