Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 22/03/2016 | Actualizada ás 09:15
O PP volveu tirar de argumentos localistas para criticar un goberno municipal, desta volta, o de Pontevedra para enfrontalo co de Vigo.
Precisamente, o rexedor vigués, Abel Caballero foi o dardo do voceiro do PP no Concello de Pontevedra, Jacobo Moreira, que o acusou de tentar "dividir en dous" a provincia e de "desarmar" á capital en beneficio da cidade olívica desde unha deputación provincial "antipontevedresista".
"Necesitamos un posicionamento claro, determinante e contundente da corporación municipal e, sobre todo, do alcalde de Pontevedra", dixo en alusión a Miguel Anxo Fernández Lores, ao que acusou de obviar este asunto para "manter a paz" no goberno provincial, sustentado polo PSdeG-PSOE e o BNG.
Pero a súa moción, lonxe de concitar apoios o que fixo foi unir a todo o resto dos partidos contra o afán localista do PP e, sobre todo, polo tratamento dispensado á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. BNG, PSdeG-PSOE, Marea e Ciudadanos lembráronlle que os gobernos do PP permitiron a creación da delegación da Xunta en Vigo, a segregación da Audiencia, a desaparición da sede da CRTVG en Pontevedra ou a paralización da ampliación do hospital Montecelo.
Tamén as continuas referencias á presidenta da Deputación, Carmela Silva, como "delegada de Caballero", provocou a indignación de BNG e, sobre todo, do PSdeG que o acusou de "rozar o machismo". "É dunha falta de respecto absoluta", destacou o portavoz socialista, Agustín Fernández, que acusou a Moreira de empregar argumentos "rancios e asquerosos".
Alguén así, asegurou Fernández, "non pode representar ao seu partido"; unha formación que "debería estar avergoñada" por comportamentos como este. Os socialistas lamentaron que o PP axite a "bandeira rancia do pontevedresismo" e lembraron a "débeda histórica" do goberno de Feijóo con Pontevedra.
Mentres, o edil do BNG César Mosquera cualificou esta moción de "francamente esotérica" e lembrou que a Pontevedra non lle supón "nin un duro a maiores" co PP ser capital de provincia. Pola súa banda, o líder de Marea Pontevedra, Luís Rei, lamentou que o pleno municipal "perda o tempo" en replicar a "un jicho" de Vigo.
"Onde estaba vostede, señor Moreira? Porque na rúa defendendo a Pontevedra non estaba cando nos manifestamos en 2009 pola capitalidade", lembrou a portavoz de Ciudadanos, María Rei, que criticou que o PP busque encabezar unha guerra "envelenada, medida e meditada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.