Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2025 | Actualizada ás 17:55
Cobre San Rafael avanzou que non vai continuar coa vía xudicial respecto da Declaración de Impacto Ambiental (DÍA) sobre o proxecto presentado en 2017 para a mina de Touro-O Pino. Nunha nota de prensa, a empresa tomou esta decisión tras presentar un proxecto para a produción do "primeiro 100% cobre sustentable galego" e que foi declarado pola Xunta como Proxecto Industrial Estratéxico en xuño de 2024.
Así, a compañía destacou que se atopa agora inmersa en impulsar esta iniciativa que considera "tractora para a industria galega" cos "máis altos estándares ambientais e incorporando as mellores prácticas europeas do sector". Por iso, comunicou que independentemente do fallo dos tribunais ao recurso contencioso-administrativo que interpuxo en abril de 2021 para solicitar a revisión da resolución, non emprenderá novas accións legais.
O obxectivo, apuntou, é demostrar que a nova proposta "non só cumpre con toda a normativa europea e estatal, senón que incorpora as Mellores Técnicas Dispoñibles (MTD) para garantir e superar os esixentes requisitos ambientais e sociais demandados pola administración e a cidadanía".
NOVO PROXECTO
Así, Cobre San Rafael reivindicou que deseñou un novo plan con "un maior nivel de detalle técnico, novas medidas preventivas e correctoras, e a adaptación ao marco normativo actualizado, como o Plan Hidrolóxico 2021-2027 e a Lei Europea de Materias Primas Fundamentais, que se materializa no Regulamento (UE) 2024/1252".
Tamén inclúe a "mellora das medidas de protección para os recursos hídricos, incorporando sistemas de control máis avanzados para evitar calquera posible afección sobre a contorna natural". Ademais, o novo Plan de Recuperación Ambiental inclúe o antigo depósito mineiro, "un pasivo ambiental histórico orixinado pola mina pechada en 1986".
"DESPEXAR DÚBIDAS"
Con esta nova proposta, a compañía mostrouse "convencida" de que "despexa calquera dúbida exposta no proceso anterior, e segue centrada en impulsar este proxecto de produción de cobre sustentable galego, que espera converterse nun referente en minaría responsable en Europa e nun fito para a industria galega".
Así mesmo, confía "no rigor e na obxectividade" da administración e dos seus técnicos, que avaliarán esta nova proposta con "criterios de sustentabilidade, seguridade e viabilidade, tal e como demostraron ao longo da tramitación do proxecto anterior".
MINA DE TOURO E CAMIÑO DE SANTIAGO
Na súa comparecencia, Rueda tamén foi preguntado acerca de que a Unesco, por medio do Icomos, pide un estudo independente sobre o impacto que tería a mina de Touro no Camiño de Santiago. O presidente galego dixo que é un organismo que lle merece "todo o respecto" e que "non coñecía esta solicitude" nin o seu contido, polo que declinou pronunciarse sobre a mesma máis aló de afirmar que, analizarase e, se os técnicos deciden que é "necesario e preceptivo", pois se procederá a evacualo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.