O Banco de Explotacións activarase esta mesma semana para facilitar a trasmisión de case 140 negocios ata o 2026

Calquera persoa interesada poderá dirixirse á súa oficina rural para informarse sobre este tema e recibir asesoramento.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2025 | Actualizada ás 19:27

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns a posta en marcha "esta semana" do novo Banco de Explotacións "que vai promover a substitución xeracional no campo galego" e evitar "o peche" de empresas agrogandeiras. A previsión é que con este instrumento, previsto na Lei de recuperación da terra agraria, se poida "facilitar a transmisión de case 140 explotacións ata 2026". O Banco de explotacións entrará en funcionamento de inmediato, coa publicación, este mesmo mércores, da Orde coa adopción de modelos normalizados para a xestión do Banco.

Esta norma permitirá, na práctica, a inclusión dunha explotación no Banco por parte das persoas titulares que pretendan cesar na súa actividade e, por outra banda, tramitar a solicitude de intermediación para o acceso a unha explotación do Banco por parte de persoas interesadas no seu arrendamento, permuta ou adquisición. Esta posibilidade constitúe, en consecuencia, unha oportunidade tanto para o titular da explotación (cedente) como para o titular que asume a xestión dunha explotación viable (cesionario). Así, por unha banda, os cedentes, titulares de explotacións agrarias familiares, poderán complementar á súa pensión de xubilación cos ingresos xerados polo arrendamento ou venda da súa explotación. Por outra banda, os agricultores novos ou noveis poderán acceder á xestión dunha explotación en funcionamento e viable.

O proceso de transmisión de explotacións estará tutelado pola Administración autonómica, a través da rede de oficinas rurais. Calquera persoa interesada poderá dirixirse á súa oficina rural para informarse sobre este tema e recibir asesoramento. Ademais, tal e como adiantou Rueda, a partir desta semana tamén iniciará a súa operatividade o visor público do Banco, unha ferramenta informática situada na páxina da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que, unha vez resoltas as solicitudes de inclusión, "permitirá localizar e visualizar as características das explotacións" que están incluídas no Banco.

AXUDAS DA XUNTA

Tal e como explicou o presidente, en paralelo á posta en marcha desta plataforma, a Xunta vai lanzar unha convocatoria de axudas á cooperación para a sucesión de explotacións. Será unha achega "de 2,1 millóns de euros" no período 2025-2029 destinada á persoa cedente da explotación e que se convocará en breve. Ademais, as persoas cesionarias poderán acceder ás axudas planificadas dentro do Plan Estratéxico da PAC (PePAC) 2023-2027. Outra medida adoptada para a posta en marcha do Banco é o Xesbex, unha ferramenta informática habilitada pola Consellería do Medio Rural para administrar tanto as solicitudes de inclusión de explotacións como as peticións de intermediación para o acceso a unha delas. A maiores, deuse un impulso á formación para o asesoramento a través das oficinas rurais e así, ao longo do ano 2024, desenvolveuse unha actividade formativa específica relacionada coa posta en marcha do banco dirixida ao persoal destes centros da Consellería repartidos por todo o territorio.

Rural
Rural | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta