Por Europa Press / Redacción | Compostela | 10/02/2025 | Actualizada ás 19:50
O sector do deporte supón o 1,3% do produto interior bruto (PIB) e o 1,95% do emprego en Galicia --con 22.140 postos de traballo-- de maneira directa e indirecta, de acordo cun estudo realizado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) con datos do ano 2022. De feito, este informe, avaliado este luns na reunión semanal do Goberno galego, destaca que, en canto ás afiliacións á Seguridade Social, a evolución do emprego no sector supera o rexistrado no conxunto de Galicia entre 2016 e 2024.
Ademais, no ano 2023, as empresas totais do ámbito do deporte foron 2.952, é dicir, o 1,3% do total das que operan en Galicia. En termos directos, o deporte achega o 0,9% do PIB e o 1,4% do emprego --16.436 postos de traballo-- á economía de Galicia, de acordo con cifras publicadas polo IGE o pasado 27 de decembro.
A isto habería que sumar un 0,4% máis de achega ao PIB calculada polo Instituto Galego de Estatística por mor doutros datos, como as contas de sociedades mercantil, o gasto dos fogares e o comercio exterior. Trátase dunha metodoloxía, tal e como destaca a Xunta, "pioneira no contexto nacional e mesmo internacional".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.