Por Europa Press / Redacción | LUGO | 11/02/2025 | Actualizada ás 14:24
Unións Agrarias pide ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural, que "abra unha excepcionalidade" para a xustificación das axudas da Política Agrícola Común (PAC) en amplas zonas da provincia de Lugo pola situación na que aínda se atopan terras alagadas tras o paso do temporal Kirk o pasado outubro de 2024. Nun comunicado, advirte de que a Terra Chá, así como zonas de Sarria e Terra de Lemos, contan con terreos que aínda se atopan "totalmente alagados" polo que non foi posible realizar a sementeira de herba e "en moitas parcelas nin sequera retirar o millo estragado".
Lamenta que a Xunta non achegou solucións a explotacións que quedaron sen forraxe para vacas. "Agora o que se reclama é que non se penalice as granxas nas axudas da PAC por non poder realizar a rotación de cultivos, xa que é de todo punto imposible", sostén. UU.AA. advirte de que o nivel de humidade que ten o terreo nestas zonas, se non cambia a climatoloxía, "vai comprometer a próxima sementeira de millo", o que afectará aínda máis ás rendas das granxas, pois só un 20 % das plantacións teñen pólizas de seguros vixentes. "A perda da base da alimentación para as gandarías de vacas de carne ou leite xa forzou a acudir masivamente aos mercados de pensos e concentrados para poder manter as granxas. Unha circunstancia que supuxo un incremento dos custos de produción moi fortes para moitas delas", explica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.