Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2025 | Actualizada ás 20:44
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, denunciou este mércores o "boicot" á primeira reunión da comisión encargada de actualizar o Plan de Normalización do Galego por parte de membros da Mesa pola Normalización. Uns feitos nos que ve unha "estratexia" por parte dun sector "totalmente radicalizado" para "furtar" a posibilidade de debate.
Isto denunciouno o conselleiro de Lingua ao responder a unha pregunta formulada no Parlamento polo deputado do PPdeG José Luís Ferro, quen se interesou polas "expectativas" da Xunta para alcanzar o consenso entre as forzas políticas.
López Campos mostrouse convencido de que este proceso, que suporá "avanzar no camiño" aberto pola lei de normalización (1983) e polo plan xeral de normalización (2004), servirá para "fortalecer aínda máis" o idioma. Á súa vez, reivindicou a participación de "cen persoas de reputado prestixio" que teñen a "ilusión de asumir ese novo reto".
A MESA PIDE EXPLICACIÓNS
Pola súa banda, A Mesa pola Normalización Lingüística explicou nun comunicado que o presidente Marcos Maceira e a secretaria xeral Celia Armas pedíronlle explicacións ao conselleiro durante a súa intervención no acto de constitución das comisións que se celebra esta tarde na Cidade da Cultura.
Critican a "imposición" dun proceso que, "no mellor dos casos, é improvisado e inútil, e no peor, abertamente contrario á transparencia, participación e pluralidade acordada e imprescindible para chegar a un acordo que verdadeiramente impulse accións a favor do galego".
"Van asumir as resolucións do Consello de Europa na educación ou manter o decreto contra o galego apoiándose nunha suposta enquisa de valoración comercial encargada para desacreditar a realidade?", lamentou Maceira, que lles chamou ademais "mentireiros, tramposos e indignos de representar a ninguén". "Se tivesen un pouco de vergoña, dimitirían", asegurou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.