A Xunta di que Galicia xa "validou" nas urnas a súa política lingüística: "Non lle entramos ao trapo ao BNG"

A oposición cuestiona a vontade para impulsar o galego da Xunta, que pide que senten a negociar. Un grupo da Plataforma Queremos Galego presente na tribuna como público interrompe o pleno cantando en favor do galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2025 | Actualizada ás 17:01

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, pediu este mércores "coherencia" á oposición na súa postura ante o galego, contrapondo a súa actitude ante as negociacións do Pacto pola Lingua e, entre outras cuestións, a repartición de fondos do Perte das Linguas. Ademais, temarcando que "non entrará ao trapo" do BNG, limitouse a sinalar que a sociedade galega "validou a xestión do PP, tamén as súas políticas lingüísticas" fai algo máis dun ano -- en referencia ás eleccións autonómicas --.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, no Parlamento de Galicia
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, no Parlamento de Galicia | Fonte: MONICA ARCAY CARRO

"As liñas vermellas non as pon nin o BNG, nin o PP. Ponas a sociedade galega cada vez que vota e que lle di que non ao BNG. Se queren un pacto, fágolles unha proposta, lánzolles unha luva. Xúntense vostedes co resto de formacións políticas e eu comprométome a sentarme e negociar", concluíu López Campos. Así, volveu a reivindicar a necesidade dun pacto "sosegado" ao redor da actualización do decreto do galego e de que todas as forzas políticas participen nas reunións sobre este tema que arrincarán esta tarde no Monte Gaiás.

O conselleiro compareceu para responder a dúas interpelacións sobre a situación do idioma presentadas polos grupos socialista e nacionalista. A deputada socialista Silvia Longueira arrincou a súa intervención cuestionando as últimas decisións da Xunta respecto ao idioma, como o proxecto de lei da CRTVG que abre a porta á utilización do castelán ou a enquisa de percepción social do galego encargada a Sondaxe, "con oito veces menos persoas consultadas que a realizada polo Instituto Galego de Estatística, estamento oficial da Xunta para este tipo de traballos".

"Ao parecer eses datos e a manifestación non gustaron suficiente. Seguramente abramos as comisións desta tarde con este informe", deslizou Longueira. Para a deputada, estas accións "que non achegan nada" fan "dubidar" das intencións da Administración pública, aínda que insistiu na disposición do grupo socialista a dialogar. "Vostedes crearon un problema en 2009 co chamado bilingüismo harmónico, que xa dixen en varias ocasións que nin é bilingüismo nin é harmónico, e agora a alguén do PP ocórreselle que hai que desfacelo. E vale, crémolo (...).Crémolo e actuamos, estamos á súa disposición", sinalou.

"ACOSO E DERRUBA" AO GALEGO PARA O BNG

Pola súa banda, a deputada nacionalista Mercedes Queixas expresouse nos mesmos termos, criticando o que cualificou dunha política de "acoso e derruba" do galego, en estado "crítico". Para achar unha solución, pediu, é necesario "recoñecer o diagnóstico e cambiar o rumbo das políticas". "Isto é o que nos demandan os colectivos que traballan co idioma e a inmensa maioría da sociedade galega. O galego está en emerxencia lingüística e iso non é unha percepción do BNG, son datos contrastados e oficiais", asegurou.

"O galego non é a lingua maioritaria de Galicia despois de 13 séculos e un de cada tres menores de 13 anos non ten as competencias necesarias para expresarse en galego. Onde está a imposición do galego que defende?", interpelou Queixas ao conselleiro. Sinalou ademais que o galego é a única lingua do país que perde falantes e apuntou, aínda que entre moitas outras causas, á "escola desgaleguizadora" impulsada polo PP. A este respecto, lembrou que a Xunta se nega a facer as avaliacións anuais que recolle o decreto.

XUNTA: "SEN TRIUNFALISMOS, PERO REFLEXIÓN DESDE O OPTIMISMO"

O conselleiro arrincou a súa intervención destacando a importancia do tema a tratar, posto que o galego "é unha das cuestións de maior valor patrimonial e sentimental" do que se dispón. Respecto dos informes solicitados e as reunións que arrincan esta tarde, e sen caer en "triunfalismos", sinalou que si considera necesario "reflexionar e facelo con certo optimismo".

Máis aló disto, lamentou que nin PSdeG nin BNG levantasen " a voz" fronte á "discriminación" que sofre Galicia respecto ao resto de linguas cooficiais, facendo referencia ao Perte das Linguas, entre outras cuestións. Especialmente crítico mostrouse coa actitude nacionalista respecto da enquisa encargada a Sondaxe. "Por que lles preocupa que lles preguntemos ás familias a súa opinión da implantación do decreto na educación galega? Igual porque non di o que vostedes queren escoitar e só validan a parte que xustifica os seus posicionamentos", afirmou López Campos.

Así mesmo, censurou a actitude nacionalista na negociación e as "liñas vermellas" postas xa "ao saír da primeira reunión". "Van salvar o galego detrás dunha pancarta", sinalou o conselleiro respecto da próxima concentración do 23 de febreiro.

INTERRUPCIÓN DE PLATAFORMA QUEREMOS GALEGO

Xa nas réplicas, a deputada socialista volveu a explicar, tal e como ela mesma sinalou, que Galicia recibiu do Perte de Linguas "exactamente o mesmo que vascos e cataláns", mentres que a parlamentaria nacionalista tachou de "desleal e hipócrita" a defensa da enquisa privada da Xunta.

Ao iniciar o responsable de Lingua a súa última intervención, un grupo da plataforma Queremos Galego que presenciaban o pleno desde a tribuna de invitados, comezou a cantar, provocando a paralización do pleno parlamentario. A presidenta, Elena Candia, pediulles que, ou ben gardasen silencio e "respectasen o regulamento da Cámara", ou que abandonasen o hemiciclo, algo que tamén xerou desconformidade entre o grupo nacionalista.

Finalmente, o pleno renovouse co conselleiro facendo referencia ao que acababa de ocorrer. "Eu tamén son firme defensor destas cancións, e máis no ano no que se dedican as Letras Galegas ás cantareiras, pero esta non é a maneira apropiada", sinalou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta